venres 03/12/21

A arbitraxe deixa fóra de xogo un Celta que tratou de ti a ti ao Barça

Non se arredrou o Celta no Camp Nou onde fitou á cara ao Barça. Perdeu 3-1, mais sempre loitou por ter a pelota e mantivo o partido aberto até que o terceiro gol culé (de Jordi Alba en claro fóra de xogo) fixo que os tres puntos quedasen en terras catalás
Messi e Aspas disputan a pelota
Messi e Aspas disputan a pelota

Un 3-1 no Camp Nou pode levar a pensar nun baño de xogo da maquinaria futbolística que é o Barça a calquera rival. Mais non foi así no caso do Celta. Os galegos caeron por tres goles a un, si, mais fixeron fronte aos culés desde o primeiro minuto e só o terceiro tanto culé (nun claro fóra de xogo) foi quen de sentenciar o partido.

O Celta saiu ao campo con ganas, coa intención de non renunciar a ter a bola e de xogar ben, para alén de buscar sempre a portaría do Barça. Tres circunstancias que demostran que o Celta ten confianza en si propio e no seu xogo, mesmo ante o mellor equipo do planeta.

No minuto 21 chegou o gol de Adriano, mais os vigueses non recuaron e poucos minutos despois (no 24) empataban o partido. Nuns minutos de vertixe, Villa atinxía o segundo gol para o Barça, no minuto 26. En apenas cinco minutos, tres tantos.

Malia ir por detrás no marcador, o Celta non perdeu a cara ao Barça e seguiu a procurar o empate. Mais no minuto 61 Jordi Alba marcaba o terceiro, nunha xogada máis que polémica pois estaba en fóra de xogo. Iso non supuxo que os celtistas baixasen os brazos e seguiron a procurar un gol, que case acadan nun roubo de balón ao Barça nunha xogada de Roberto Lago.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A arbitraxe deixa fóra de xogo un Celta que tratou de ti a ti ao Barça
comentarios