A administración concursal do Dépor ve síntomas de mellora, mais o plantel comeza a perder a paciencia

A empresa que xestiona o concurso do club branquiazul amósase disposta a flexibilizar o seu ultimato mentres que Juan Domínguez sobe un chanzo nas críticas dos futbolistas á situación e esixe unha solución inmediata.

JuanDo
photo_camera JuanDo

A crise do Deportivo xa é con toda claridade un tirapuxa entre os seus distintos actores, no que nos últimos días se combinan de xeito constante novas positivas e negativas, mentres continúja sen alcanzarse un acordo que garanta a supervivencia da histórica entidade coruñesa.

Así as cousas, no aspecto máis luminoso -dentro das duras circunstancias- xorden as primeiras declaracións cun mínimo de optimismo que saen da administración concursal do club. Segundo La Opinión, o xestor Francisco Prada asegura ter “información de que as cousas, malia que despacio, parece que poden ir avanzando”. Eses síntomas de mellora -que xa foron advertidos por Lendoiro un día antes- levan á empresa que leva o concurso de acredores a flexibilizar o ultimato de quince días, que remata a terza feira, antes de solicitar a liquidación, xa que considera que “a finais de mes debería existir xa un acordo”.

Ese trato entre a entidade branquiazul e os seus acredores é o que demandan tamén os futbolistas, que pouco a pouco van subindo o ton da súa queixa. Se primeiro foi Manuel Pablo, logo Aythami e despois Álex Bergantiños, outro xogador da casa -Juan Domínguez- foi o encarregado no último adestramento da semana de elevar un chanzo a crítica e demandar xa unha solución para o club e tamén para as cantidades que lles deben. “A paciencia non é infinita, levamos moito tempo nunha situación moi má. A dinámica é de dicir que se vai solucionar, pero iso nunca chega e a situación é desfavorábel. Necesitamos estabilidade xa”, afirmou o centrocampista das Pontes, facéndose eco do sentir xeral do vestiario.

Pola súa parte, e baixo unha evidente precariedade, Fernando Vázquez trata de avanzar no traballo co equipo e anunciou que serán dez os xogadores da canteira que farán a pretemporada en Monforte co primeiro plantel.

Comentarios