86 anos do fusilamento de Bebel García, o futbolista socialista do Deportivo da Coruña

Eduardo Galeano recuperou a historia do militante antifascista no texto Espellos, unha historia case universal.
Monumento aos represaliados na Coruña. Entre os nomes, Bebel e os seus irmáns France e Jaurés. (Foto: Jglamela)
photo_camera Monumento aos represaliados na Coruña. Entre os nomes, Bebel e os seus irmáns France e Jaurés. (Foto: Jglamela)

O 29 de xullo, pero de 1936, o xogador do Real Club Deportivo da Coruña Bebel García foi axustizado no Campo da Rata, na Coruña, por militares sublevados durante o golpe de Estado do 17 e 18 de xullo.

O futbolista nacera 22 anos antes, en 1914, no concello de Ribadeo. Desde moi novo colaborou nas Xuventudes Socialistas da Coruña como militante, para despois pasar a formar parte das Xuventudes Socialistas Unificadas (XSU). Tamén estivo integrado das milicias antifascistas e participou activamente na defensa da Coruña nos primeiros días da sublevación militar.

Foi detido o 25 de xullo á altura de Guitiriz, cando intentaba fuxir até Asturias. Xunto cos seus irmáns France e Jaurés, foi xulgado por rebelión militar e condenado a morte. Os dous primeiros foron fusilados o 29 de xullo, mentres que Jaurés, por ser menor de idade, permaneceu en prisión até cumprir os 18 anos, cando apareceu asasinado tamén nas proximidades do Campo da Rata.

O cuarto dos irmáns, Pepín García, conseguiu fuxir á América ao remate da Guerra Civil española. Os catro eran coñecidos como Os Irmáns da Lexía, polo negocio familiar do seu pai nunha fábrica de lixivia.

Lenda sobre o seu fusilamento

A historia de Bebel García quedou esquecida no tempo até que o xornalista e escritor uruguaio Eduardo Galeano recuperou a súa historia para o texto Espellos, unha historia case universal.

Neste escrito, Galeano definía o xogador como "zurdo para xogar e zurdo para pensar, No estadio pon a camiseta do Dépor. A saída, pon a camiseta da xuventude socialista".

O escritor tamén contaba que, no momento de ser fusilado, García mandou parar o pelotón que rematou por asasinalo e púxose a mexar por última vez, diante deles, antes de que o axustizasen. A historia converteuse nun símbolo do antifascismo na Galiza e en Sudamérica.

Porén, non existen fontes fidedignas que recoñezan a veracidade da mesma. A súa sobriña, Selva García, nada en Uruguai, explicou en varias ocasións que foi ela mesma quen lle contou a historia a Galeano, a través dos testemuños que chegaran ao seu fogar, pero que ninguén da súa familia puido comprobar que isto ocorrera realmente.

Comentarios