50 anos de resiliencia polideportiva no Pazo de Riazor

Criticado no seu momento por destruír as vistas ao mar do campo de fútbol, co tempo o Pazo dos Deportes de Riazor erixiuse nun recinto mítico para o deporte -e a cultura- da Galiza, acumulando xa unha traxectoria de 50 anos que hoxe se percorre nunha peculiar exposición exterior adaptada ás circunstancias actuais.
A maior peculiaridade desta exposición é que non é necesario entrar no pavillón para admirar os obxectos e recordos expostos. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A maior peculiaridade desta exposición é que non é necesario entrar no pavillón para admirar os obxectos e recordos expostos. (Foto: Nós Diario).

A arquitectura, como todo nesta vida, está suxeita á crítica. Compostela aínda estraña a vella praza da Galiza, co seu edificio Castromil, derrubado para facer... nada. Ou Vigo o magnífico Edificio Rubira, que estaba na confluencia de Colón con García Barbón, reducido a pó polo hoxe coñecido como banco BBVA para erixir unha edificación plana, fría e sen alma.

A Coruña, como non podía ser menos, tamén padeceu varias desfeitas similares nos anos 60 e 70, época dourada do barbarismo arquitectónico. Unha delas foi a desaparición do coñecido como "Pórtico de Olimpia" -o principal sinal de identidade do Estadio de Riazor na súa versión orixinal, conformado por unha longa columnata con arcadas a modo de fachada que enfrontaba o campo de fútbol coa praia homónima-, que deixou o seu lugar ao Pazo dos Deportes en 1970.

Non obstante, e a diferenza dos casos anteriormente citados, onde existe un consenso na crítica entre o gran público e as expertas en arquitectura, aquí estas últimas louvan o Pazo dos Deportes como un dos mellores edificios no seu xénero, destacando o uso do formigón e os seus característicos arcos parabólicos por parte do responsábel do proxecto, o arquitecto coruñés Santiago Rey Pedreira.

Medio século de deporte, cultura... e moito máis

Transcorridos nove anos desde a elaboración do anteproxecto inicial, en 1961, e dous desde o inicio da fase construtiva, en 1968, o 1 de agosto de 1970 quedaba inaugurado un recinto que cambiou para sempre a fisionomía da contorna, pero que tamén serviu para impulsar na Coruña modalidades como o hóckey e o baloncesto ou para acoller eventos deportivos de primeira orde, como campionatos do mundo e de Europa das máis diversas disciplinas.

Todo iso e moito máis está recollido na peculiar exposición que aínda se pode visitar no seu interior. Ou quizais sería máis preciso dicir exterior, pois a Concellaría de Deportes da cidade herculina configurou unha mostra adaptada aos peculiares tempos nos que vivimos, trazando un percorrido visual polos acontecementos máis importantes que tiveron lugar no Pazo dos Deportes de Riazor en forma de paneis fotográficos expostos na fachada do edificio e de recordos que poden ser contemplados a través dos vidros do recinto, sen necesidade polo tanto de pór un só pé no seu interior.

Concibida de forma cronolóxica, as persoas que decidan achegarse até a contorna deste Pazo dos Deportes poderán descubrir, a través das instantáneas tomadas por lendarios fotógrafos coruñeses como Alberto Martí ou Xosé Castro 'Pepucho', como, curiosamente, o primeiro evento que alí se desenvolveu non foi un partido de hóckey ou de baloncesto, senón un sorteo da Lotaría Nacional.

Non obstante, e como non podía ser doutro modo, o deporte é o gran protagonista, botando luz sobre pioneiras esquecidas, como as xogadoras do Medina e do Tabacos, históricos equipos de baloncesto feminino dos anos 60 e 70 xa desaparecidos, ou sobre fazañas únicas como o récord dos 300 metros que alí bateu o atleta do Dépor Isidoro Hornillos ou o título mundial de kickboxing conquistado polo irrepetíbel Manolo Planas. Porque, sen dúbida ningunha, 50 anos dan para moito. 

Comentarios