A 44º Carreira Popular do San Martiño podería ter podio mixto

A atleta Kalkidan Gezahegne, plusmarquista etíe, confirmou a súa participación. A proba recupera a normalidade despois de suspenderse a edición anterior.
A saída da Carreira Popular de San Martiño de 2018 (Concello de Ourense).
photo_camera A saída da Carreira Popular de San Martiño de 2018 (Foto: Concello de Ourense).

A normalidade tamén chegou para a carreira popular máis antiga do país, a San Martiño de Ourense, que realizará o vindeiro 14 de novembro a súa 44º edición. A proba volve despois de que o ano pasado tivera que suspenderse pola pandemia da Covid-19. A pedestre popular deste ano contará con deportistas profesionais mais desta vez será máis igualitaria que nunca no podio. 

Coa confirmación da participación de Kalkidan Gezahegne (Etiopía, 1991, corre baixo bandeira de Baréin), na proba ourensá aumentan as posibilidades de que na clasificación xeral gañe unha muller. 

Récord mundial de 10.000 metros

Gezahegne ostenta o récord Mundial de 10.000 metros en ruta, e ademais foi subcampioa olímpica en Tokio 2020 onde gañou a medalla de prata. A corredora africana estabeleceu unha plusmarca mundial hai só un mes, o pasado 2-10-21 en Xenebra (Suíza).

Logo de parar o reloxo en 29:38, a corredora africana, de 30 anos, está a afinar a súa preparación en Kenya estes días para tentar bater o seu propio récord nas rúas de Ourense.

A proba galega está no calendario internacional este ano, con percorrido de 10 quilómetros homologado, e a súa participación estará limitada a un total de 2.000 participantes debido aos protocolos se manteñen pola Covid-19. A organización ten previsto, tamén, que as e os participantes fagan a saída en quendas de 200, sendo a última a da elite masculina e feminina. 

1.250 inscricións rexistradas o primeiro día 

Só unhas horas despois de abrirse a inscrición o pasado 21 de outubro ás 12 horas, a través da web www.asanmartino.com, superábanse as 1.200 persoas rexistradas. Ao feche desta edición, eran uns 1.250 os corredores anotados para participar na proba pedestre, que se celebrará o domingo 14 de novembro. O 77 % das e dos deportistas rexistrados son homes e o resto mulleres.

Máis da metade das inscricións recollidas na primeira xornada corresponden a atletas populares das comarcas de Ourense. Un 15 % proceden das de Pontevedra e un 14 % da das da Coruña.

Comentarios