26 galeg@s á conquista da bahía de Donosti

Tirán, en categoría masculina, e Mecos, en feminina, son as dúas traiñeiras galegas que conquistaron un posto na regata da Kontxa, a proba por antonomasia do banco fixo e que este ano chega á súa 118 edición. 26 vogador@s (13 por traiña) dispostos a facer un bo papel

A cita será dentro de dous fins de semana. Nas augas da Bahía de Donosti, entre a praia e a illa de Santa Clara. O campo de regatas máis coñecido do mundo, cun Cantábrico que aí pode ser amante ou pode ser ‘cabrón’. É a Regata da Kontxa, o campionato do mundo de traiñeiras, a bandeira que todo club desexa ondear, a competición que todo amante do remo non se permite perder. A ser posíbel, hai que vela en directo, entre as ducias de milleiras de persoas que ateigan o porto vello, o Paseo Novo, as abas do monte Urgull...

Galiza nunca gañou unha bandeira da Kontxa en categoría masculina nestes 118 edicións. Mais conquistou todas en categoría feminina

Nesta nova edición da Kontxa haberá representación galega, un posto conquistado estes días nas regatas clasificatorias. Na categoría feminina, a traiñeira de Mecos competirá coas de Zumaia, Hibaika (Errentería) e San Juan. As vogadoras de Mecos tentarán seguir a facer historia, pois as cinco anteriores edicións da Kontxa foron gañadas consecutivamente pola embarcación de Galiza.

As mellores do mundo

E na categoría masculina, Tirán, unha traiñeira que vén de facer unha temporada máis que boa na ACT, onde finalizou quinta e mesmo gañou 2 bandeiras. Tirán loitará nas augas coas embarcacións de Portugalete (a jarrillera volve á Kontxa despois de 28 anos), Orio, Kaiku, Urdaibai, Hondarribia San Pedro e a Donostiarra (esta non entra por clasificación, senón por ser a que organizada a bandeira).

Catro foron as traiñeiras galegas, dun total de 25, que loitaron estes días por se clasificar para a Kontxa: alén de Tirán, Cabo de Cruz, Meira e Chapela. Só a de Moaña logrou pasar a dura peneira da coñecida como ‘Regata dos nervios’.

Comentarios