CONTRA VENEZUELA

20 de maio: Volve a selección galega de fútbol

[ACTUALIZADA ÁS 22h] Regresan as seleccións nacionais absolutas de fútbol aos terreos de fútbol e fanno ao abeiro da Federación Galega de Fútbol. O encontro do combinado masculino terá lugar o 20 de maio contra Venezuela.

Acto reivindicando as seleccións galegas

Galiza-Venezuela. Este vai ser o duelo futbolístico que representará a volta da selección galega absoluta aos campos de xogo, unha volta que coincide con ano electoral. Terá lugar o 20 de maio, antes de que comece a Eurocopa e, á espera de confirmación oficial, probabelmente teña lugar no estadio de Riazor, pois o de Balaídos estará, a esas alturas, en obras.

A Federación Galega de Fútbol, que preside Rafael Louzán, acolle así as demandas das voces que levan anos reivindicando a volta da selección galega. E tamén recolle as demandas de futbolistas como os galegos Iago Aspas (Celta) e Lucas Pérez (Dépor).

Nun comunicado de prensa, o ex presidente da Deputación de Pontevedra (PP) salienta que “desde un primeiro momento, a Xunta Directiva considerou como unha oportunidade histórica o regreso da selección galega absoluta”. Cómpre lembrar o posicionamento contrario do Partido Popular a organizar partidos da selección nacional, que deixaron de ter lugar cando Alberto Núñez Feijóo asumiu a presidencia da Xunta.

A Federación Galega de Fútbol salienta que a data escollida “non é froito dunha casualidade”, pois se enmarca na semana en que se conmemora o Día das Letras Galegas. Sinala, ademais, que o partido representa unha “homenaxe á numerosa comunidade venezolana afincada en Galiza e, por extensión, a toda Latinoamérica”.

O combinado venezolano encara o partido coa selección nacional como parte da preparación para a Copa América Centenario, na que deposita esperanzas, após chegar á semifinal na edición de 2011. Venezuela disputará os partidos do grupo C fronte a México, o Uruguai e Xamaica.

O partido do combinado feminino terá lugar semanas despois

Segundo a Federación, está “moi avanzado” o partido da selección nacional absoluta feminina, aínda que anunciou que se xogará o partido “máis adiante”, debido a que a competición ligueira dos principais equipos galegos estará en xogo e para darlle “protagonismo propio” ao combinado feminino “sen ter que compartilo co equipo masculino”.

Dez anos sen partido

As seleccións nacionais de fútbol volveron rexurdir en 2005, grazas ao impulso da Secretaría Xeral de Deportes, da que era responsábel o BNG. A reestrea do combinado galego produciuse un 29 de decembro, nun partido contra o Uruguai no que a Irmandiña gañou por 3 tantos a dous.

En anos sucesivos, Galiza xogou contra o Ecuador, Camerún e o Irán, até que en 2009 o PP gañou as eleccións galegas e unha das primeiras medidas de Feijóo como presidente foi acabar coas Irmandiñas baixo a escusa dos cartos. E isto a pesar de que as seleccións contaban con importantes patrocinadores, como Caixanova e Gadisa, que, xunto coa venda de entradas, permitían sufragar os gastos.

Nos últimos anos, Siareiras Galegas organizou partidos entre combinados para reivindicar o carácter oficial das seleccións nacionais.

Comentarios