HEMEROTECA

1924: o primeiro #onosoderbi da historia: choiva, 'tránsfugas' e 3 goles a 0

Disputouse no vello estadio de Riazor e acabou con vitoria do Dépor. O Celta tomaría a revancha na volta, no vello campo de Coia, onde gañou, tamén por 3-0.

primer celta depor
photo_camera Imaxe dun dos primeiros derbis. Imaxe de 'Fame Celeste'

O 9 de novembro de 1924, hai 92 anos, disputouse o primeiro #onosoderbi oficial. Deportivo da Coruña e Celta de Vigo enfrontábanse no vello campo de Riazor, perto de onde se ubica o actual estadio, nun día no que 'choveu o mar chovido”. De feito, o encontro comezou con retraso polo mal estado do terreo de xogo, semellante a unha lameira a causa das fortes chuvias que caeron. Mais iso non arredrou o colexiado bizkaitarra, Saracho, que decidiu que o partido se disputase. Ao campo saltou un Deportivo coa camisola branquiazul e un Celta coa equipación vermella. No estadio, seareiros procedentes de moitas vilas da contorna coruñesa, mais tamén de Compostela e Vigo.

Ao primeiro #onosoderbi xa se chegaba con polémica. Catro xogadores vigueses tiñan a 'culpa'

A este encontro chegábase a rebufo unha polémica xerada na tempada anterior, 1923/24, co nacemento do Celta. O Celta naceu da fusión do Vigo Spórting e Real Fortuna, o que implicaba que os 60 xogadores deses dous equipos pasaban automaticamente a faceren parte do club celeste. Mais catro xogadores do Vigo Spórting optaron por marchar para o Deportivo da Coruña: José Chiarroni, Luis Otero, Ramón González e Isidro Rodríguez. O escándalo foi dos grandes, mesmo a nivel estatal, e tivo que intervir a Federación española, que resolveu a favor da decisión adoptada pola Federación Galega de prohibir xogar no Dépor aos catro 'tránsfugas' (ou 'desertores', segundo a terminoloxía empregada por algúns medios daquela). Isidro Rodríguez e Otero reincorporáronse ao Celta, mais non así González e Chiarroni, que non puideron xogar ningún partido nesa tempada.

O Campeonato Galego deixou de disputarse en 1940, sentando as bases para o que veu derivar na 'Liga'. O Celta atinxiu 6 campionatos e 7 sub-campionatos; mentres que o Dépor logrou 6 campionatos por 6 sub-campionatos.

No encontro do 9 de novembro de 1924, polo Deportivo xogaron Mulero, Otero, Abelardo, José María, Pombo, Vasco, Leonardo, Ramón, Chiarroni, Alonso e Pereira. O Celta sacou ao campo a Rubido, Clemente, Pasarín, Hermida, Balbino, Queralt, Salvador, Polo, Correa, Chicha e Reigosa. Segundo as crónicas, o partido non destacou pola súa brillantez, algo lóxico se o campo era unha lameira. A primeira parte finalizou con empate a cero. Na segunda, rachou a sequía de goles e houbo tres, todos para os branquiazuis. Chegaron despois de que o Celta marrase un penalti que puido poñelo por diante. Foron obra de Leonardo (penalti), o primeiro, e os outros dous de Chiarroni.

No partido de volta, disputado no campo de Coia, a vitoria foi para os célticos, 3-0, idéntico resultado que o que se deu no Riazor vello. A tempada 1924/25 acabou co Celta conquistando o 'Campionato Galego'.

O Campionato Galego deixou de se realizar en 1940, sentando as bases para o que veu derivar na 'Liga'. O Celta atinxiu 6 campionatos e 7 sub-campionatos; mentres que o Dépor logrou 6 e 6, respectivamente.

Comentarios