14 soños paralímpicos galegos en Toquio

Galiza conta con numerosas posibilidades de medalla nos Xogos
Gustavo Nieves da en Toquio o salto á maratón. (Foto: Celta Atletismo).
photo_camera Gustavo Nieves da en Toquio o salto á maratón. (Foto: Celta Atletismo).

Susana Rodríguez, Adiaratou Iglesias, Gustavo Nieves, Desirée Vila, Celso Comesaña (apoio), María Victoria Alonso, Agustín Alejos, Manuel Enrique Lorenzo, David Mouriz, Jacobo Garrido, Adrián Mosquera, Chano Rodríguez, Alejandro Vidal, Martín de la Puente, Juan Antonio Saavedra e Gustavo Rodríguez (apoio).

Son os nomes das 14 competidoras e das dúas deportistas de apoio que serán da partida nos Xogos Paralímpicos de Toquio, que comezan o vindeiro día 24 de agosto na capital nipoa, varias das cales teñen serias opcións de medalla.

É o caso do nadador Chano Rodríguez, que con 64 anos disputará os seus quintos Xogos, nos que sumou até o de agora 16 metais: oito de ouro, catro de prata e outras tantas de bronce.

Tamén brilla con luz propia o nome do tirador Juan Antonio Saavedra, subcampión en Londres 2012 e que chega a Toquio "convencido" de ser quen de lograr a medalla de ouro.

Non menos histórica é a presenza de Adrián Mosquera, que  o pasado mes de maio tornou no primeiro padexeiro galego en clasificarse para uns Xogos Paralímpicos, logo de imporse na Copa do Mundo.

Como non podía ser menos, o atletismo presenta, ademais da do veterano Gustavo Nieves, dúas claras opcións de metal da man de Susana Rodríguez e Adi Iglesias. A primeira vén de ser portada da revista Time pola súa capacidade de compatibilizar o feito de ser unha atleta de elite coa medicina en tempos de pandemia, e conta con sumar a un palmarés que xa inclúe tres mundiais un título olímpico. Pola súa banda, Iglesias logrou en 2019 dúas medallas de prata nos 100 e nos 200 metros no Mundial de Dubai, ademais de senllos ouros no último europeo, polo que parte como unha das favoritas para tocar a gloria.

Ademais, nomes como os do tenista Tino de la Puente, o taekwondoin Álex Vidal, o nadador Jacobo Garrido e as baloncestistas María Alonso, Agustín Alejos, Manuel Lorenzo e David Mouriz poderían 'mollar' en Toquio.

Non hai quinta mala para Gustavo Nieves

O lucense Gustavo Nieves -aínda que vigués de adopción- alcanzará en Toquio un fito ao alcance de moi poucas persoas: disputar cinco Xogos Paralímpicos. A súa primeira cita foi en Sidney 2000, onde finalizou na quinta posición na distancia dos 10.000 metros, subindo até a cuarta posición nos 5.000 en Londres 2012. 

Agora, con 39 anos, Nieves cambia radicalmente de distancia, dando o salto á proba raíña, a maratón -na categoría T12, que abrangue ás persoas cunha disfunción visual que lles impide recoñecer un obxecto en movemento a máis dun metro-, após certificar a súa clasificación o pasado mes de decembro de 2020 en Valencia, coa satisfacción engadida de dar por superada definitivamente unha fractura de peroné que o obrigou a parar durante máis de seis semanas. 

O obxectivo do deportista galego no certame nipón é subir ao podio por primeira vez, logo de quedar ás portas tanto en Sidney como en Londres. Para iso, conta co aval do seu resultado no último campionato do mundo, onde finalizou en cuarta posición.

Comentarios