domingo 29.03.2020

Doce momentos destacados do fútbol galego dos últimos 30 anos

O fútbol galego conta con episodios moi destacados que paga a pena lembrar aproveitando o tempo libre que outorga o confinamento. Estes son os nosos favoritos.

A SD Compostela foi unha das protagonistas destes últimos 30 anos de fútbol galego (Foto: SD Compostela).
A SD Compostela foi unha das protagonistas destes últimos 30 anos de fútbol galego (Foto: SD Compostela).

Teledeporte, a canle especializada en deportes de Radio Televisión Española (RTVE), está emitindo encontros lendarios que integran o seu arquivo durante estas datas. A clasificación da selección española para o Mundial de Estados Unidos 1994 ou a vitoria do Real Zaragoza na Recopa de 1995 -aquela do gol de Nayim desde a súa casa- son algúns dos partidos que leva retransmitido.

Mais o fútbol galego tamén conta con episodios destacadísimos que paga a pena rememorar aproveitando o tempo libre que outorga o confinamento. Estes son, para nós (e sen ningunha orde en particular), os 12 momentos máis destacados do fútbol galego dos últimos 30 anos:

12. O Dépor gaña a Copa do Rei de 1995: Un ano despois de perder unha liga tras errar un penalti no último minuto, o Súper Dépor de Bebeto, Arsenio e compañía afrontaba a última oportunidade de levantar un título. Foi difícil, un diluvio sobre Madrid obrigou a adiar a final, pero finalmente cun gol de Alfredo Santaelena conseguiu vingarse do Valencia e gañar o primeiro título da súa historia. REVÍVEO AQUÍ.

11. O Celta imponse 7-0 ao Benfica: O 25 de novembro de 1999 a escuadra celeste dixo adeus ao milenio da mellor forma, cunha goleada inesquecíbel a un dos mellores equipos de Europa. Karpin (2), Mario Héctor Turdó (2), Mostovoi, Juanfran e Makèlèlè foron os grandes responsábeis de asinar unha xesta que será lembrada por sempre. REVÍVEO AQUÍ

10. O penalti de Djukic: Se a Copa foi a cara, o penalti de Djukic foi a cruz. O Dépor necesitaba gañar para certificar un dos maiores milagres na historia do fútbol mundial. Fronte aos branquiazuis, un Valencia que só se xogaba os tres millóns de pesetas por barba que lle ofrecera o Barcelona pola vitoria. Finalmente, e como nunha película desas con final triste que abundan nos festivais de cine independente, o iugoslavo Djukic asume a responsabilidade de lanzar un penalti que vale unha liga e erra. Párao González, que o celebra como se gañase a Liga de Campións. REVÍVEO AQUÍ

9. Ás semifinais da Europa League 2017: Hai pouco menos de tres anos, un Celta comandado por Berizzo no banco e Aspas sobre o céspede, viviu un soño europeo que os levou a xogar as semifinais da Liga Europa ante o todopoderoso Manchester United do portugués José Mourinho. REVÍVEO AQUÍ

8. Dépor 4-0 Milan: O rival era o vixente campión de Europa. Tras o Real Madrid, e con permiso do Liverpool inglés, o equipo coa historia máis importante do continente. Unha escuadra na que todos e cada un dos xogadores eran estrelas mundiais. De Maldini a a Shevchenko, pasando por Nesta, Seedorf, Kaká, Inzaghi, Pirlo ou Rui Costa. E vai o Dépor e gáñalles 4-0. Pandiani, Valerón, Luque e Fran certificaron unha remontada que será lembrada por sempre. REVÍVEO AQUÍ

7. O ascenso de 1992: Eran os tempos nos que os onces se recitaban de carrerilla, practicamente declamando: Villanueva; Otero, Agirretxu, Mandiá, Dadíe, Juric; Gil, Fabiano, Damián; Salillas e Vlado Gudelj era o do Celta. O hoxe delegado celeste foi o home clave dese regreso a Primeira División, conseguindo infinidade de puntos cos seus 27 tantos. REVÍVEO AQUÍ

6. O Centenariazo: Todo estaba listo para a que sería unha gran noite de gloria do Real Madrid. Djalminha até recibira un convite do seu ex compañeiro Flavio Conceiçao para a festa post partido que tiñan organizadas as estrelas da galaxia madridista, integrada por Roberto Carlos, Raúl, Figo ou Zidane. Pero chegou o Dépor ao Bernabéu e suspendeu a festa ao se impor por 1-2. REVÍVEO AQUÍ

5. A permanencia do 4,01%: Un 4,01% de posibilidades, en calquera campo da vida, parecen ben poucas, pero en fútbol son aínda menos do que parecen. As matemáticas dicían en xuño de 2013 que dos 531.441 resultados posibles que se podían dar nas xornadas 37 e 38, só 21.294 lle valían ao Celta para manter a permanencia, o que supoñía 4,01%. Mais os vigueses fixeron o (case) imposíbel e derrotaron as matemáticas, conservado a súa praza na Primeira División. REVÍVEO AQUÍ

4. O ascenso a Primeira da Sociedade Deportiva Compostela: Após unha loita agónica polo ascenso ante o Rayo Vallecano con dous partidos que remataron en empate, o Compostela xogou a súa carta final noutro campo neutral. O Estadio Carlos Tartiere de Oviedo foi o escenario, nun día primeiro de xuño de 1994, do ascenso do Compostela á máxima categoría por primeira vez na súa historia, selando un 3-1 final nun partido para a historia. REVÍVEO AQUÍ

3. Celta 4-0 Juventus: O conxunto galego esmagara o Benfica nos dazaseisavos de final da Copa da UEFA 2000, pero nos oitavos agardaba polos celestes un equipo aínda mellor: a todopoderosa Juventus de Turín, que contaba cun once inicial que asustaba, conformado por Van der Sar, Birindelli, Ferrara, Montero, Mirkovic, Conte, Davids, Tacchinardi, Zambrotta, Del Pierto y Kovacevic. Pola súa banda, os celestes tiñan menos estrelas, pero moito máis fútbol, o que se traduciu no 4-0 final. REVÍVEO AQUÍ

2. Campión de Liga: Pouco que engadir. No ano 2000 o Real Club Deportivo engadiu o seu nome ao olimpo do fútbol ao conquistar un título que tan só outros oito equipos conseguiron en toda a historia da competición. REVÍVEO AQUÍ

1. O regreso da selección galega: O rexurdimento tivo que agardar até o ano 2005. Con Fernando Vázquez e Arsenio Iglesias dando as ordes, e Fran e Michel Salgado como líderes, Galiza volveu competir nun terreo de xogo e fíxoo para derrotar o Uruguai, unha nación campioa do mundo, ante máis de 13.000 espectadores que converteron San Lázaro nunha festa inesquecíbel. REVÍVEO AQUÍ

comentarios