100-0: resultado "anecdótico" para o primeiro encontro de rugby feminino que televisa a TVG

As galegas do Crat UdC impuxéronse perante as catalás Gotics R.C. no partido disputado este sábado na Coruña. A fin de semana que vén enfrontaranse coa súa besta negra, o Inef-Barcelona, contra quen se xogan a liga


100-0. Foi o "resultado anecdótico" do encontro de rugby feminino que este sábado enfrontou na Coruña as locais Crat UdC coas Gotics R.C., recentemente ascendidas e últimas clasificadas da División de Honra. As galegas saltaron ao terreo de xogo "coa premisa de o dar todo" após saíren derrotadas na fin de semana pasada en Pozuelo.

"Chegou un momento en que as nosas non baixaban o ritmo e as rivais xa o deron todo por perdido", sinala o treinador do Crat UdC, Rogelio Sabio, quen asegura que a moral da equipa nacional "volve estar ben alta". Con todo, o anecdótico respecto deste partido non foi unicamente o resultado. O encontro, que comezou ás 16.30h, foi retransmitido pola segunda canle da TVG a partir das 18h, sendo o primeiro de rugby femenino que consegue facerse un oco na grella da televisión pública.

"Esperemos que non sexa o último", reclamou Sabio, quen subliñou que as bancadas estaban desta volta algo máis baleiras do habitual polo desprazamento do primeiro equipo masculino a Barcelona para disputar un encontro. Xustamente á cidade condal viaxarán as xogadoras do Crat UdC o domingo que vén para se enfrontaren á súa besta negra, o Inef, a quen nunca conseguiron ganarlle. Será unha batalla complicada pois as catalanas tamén se xogan a liga. "Como perdemos o outro sábado temos menos posibilidades, mais o aliciente de poder vencer esta equipa xa é suficiente", mentalízase Rogelio Sabio, malia saber que "moitas das opcións quedaron en Pozuelo".

Comentarios