O 10 de setembro volta a VI Clásica TGM-Toldos Gómez a Arzúa

A inscrición xa está aberta para os 350 participantes.
Presentación da carreira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Presentación da carreira (Foto: Nós Diario).

Baixo o lema “Voltamos á rúa” decorrerá este ano a VI Clásica TGM-Toldos Gómez, carreira que foi presentada esta segunda feira no parque empresarial de Arzúa, nas instalacións da compañía arzuá.

Un acto que contou coa participación de Iván Sanmartín, vicepresidente  da Federación Galega de Atletismo; Manuel Rodríguez Santos, concelleiro de Deportes do Concello de Arzúa; Esteban Raposo Gómez, director xerente de Toldos Gómez, e de Andrés  Vaamonde, presidente do Club Atletismo Arzúa.

Os asistentes coincidiron na importancia de fomentar o deporte entre a mocidade, tendo en conta que a inscrición é de balde para menores de 18 anos, e expresaron que esperan que a proba, que decorrerá o día 10 de setembro e que consta de 10 quilómetros, siga a consolidarse, axudando a posicionar Arzúa no mapa.

A inscrición está aberta para un total de 350 prazas até o 6 de setembro ás 23.59 horas e todas as persoas participantes recibirán un agasallo da organización.

Ademais, outorgaranse medallas a todas as nenas e nenos da categoría pitufo e anteriores, alén dos premios en metálico aos tres primeiros clasificados nas categorías de mulleres e de homes: 175 euros e o trofeo para os primeiros; 125 euros e o trofeo para os segundos e 100 euros e o trofeo para os terceiros. 

Os premios a clubs federados consistirán en 200 euros máis trofeo ao primeiro equipo na proba absoluta; en 100 euros máis trofeo ao segundo equipo e en 75 euros máis trofeo ao terceiro.

Recibirá un galardón especial a primeira ou primeiro clasificado da proba absoluta local, así como o primeiro ou primeira de cada categoría, que recibirá un queixo Arzúa Ulloa cedido pola Queixaría Bama. A carreira complementarase con música e xogos ao longo da día na praza da vila.

Comentarios