“O me das la puta bandera o te la tragas. Tú eliges, follavacas”

Sermos Galiza fala con dous seareiros, un do Depor e outro do Celta, que neste temporada comprobaron en carne propia que animar en determinados campos españois aos seus equipos coa bandeira nacionalista galega poder ser deporte de alto risco

Celta-Depor

O acontecido esta fin de semana en Valladolid, coa razzia de estreleiras entre a afección do Depor a cargo da seguridade do estadio e das forzas de seguridade, colmou a paciencia dos seareir@s deportivistas. Mais non só deles.Tamén @s do Celta saben o que é que se lles requisen bandeiras da Galiza cando se desprazan a animar ao seus equipo a determinados campos do Estado español.

Falamos con dous seareiros: David P., de Monte Alto e avogado, afeccionado ao Deportivo da Coruña. E con Xosé A, do Morrazo e traballador do mar, celtista.

Razzia de bandeiras

David P sinala que no estadio de Pucela por dúas ocasións, persoal da seguridade privada do estadio, lle conminou a entregar ou gardar a bandeira nacionalista galega. “Eran da empresa Eulen. Un foi na propia entrada, no torno. Díxome: “Con esa bandera no puedes entrar. Esa bandera no es del Depor”. Entón eu pregunteille se as enseñas españolas co toro que había no estadio eran do Valladolid. Ademais, díxenlle que se ma quitaba tiña que darme o seu número de identificación e explicarme en que norma se baseaba para quedarse con algo da miña propiedade”.

“Falan de que as requisan por incitar á violencia... Ou sexa, para eles unha bandeira galega incita á violencia. Preocupante”

Foi man de santo. O `segurata' deixouno pasar pero pediulle “gárdaa dentro, que eu non quero líos”. Xa na bancada, prosegue David P. achegóuselle outro garda de seguridade da mesma empresa. “E tamén, outra vez, que gardase a bandeira, que se non me tiña que botar”.

Finalmente, e ante a petición de explicacións dos afeccionados deportivistas, o empregado de Eulen recoñeceu, afirma David P. que “estaban moi presionados. Había cámaras por todo o estadio e xogábanse o posto de traballo se non nos pedían que as gardásemes”.

Este seareiro do Depor lembra que tamén as forzas de seguridade se adicaron na contorna do estadio a 'molestar' aos que portaban bandeiras nacionalistas. “Sentíamos como que había unha persecución aos galegos”.

Incitar á violencia?

Como avogado, David lembra que as forzas de seguridade apelan moitas veces a que a bandeira de Galiza “incita á violencia” e que así se dispón nas normas de deportes contra a violencia. “Ese é un concepto xurídico indeterminado. Que é incitar á violencia? Levar a bandeira galega? E as franquistas que abundan no Bernabeu e nunca teñen problemas, así como as enseñas co duplo S das SS nazis dos Ultras Sur? Esas non?”.

“Algúns dos antidisturbios que nos controlaban nas bancadas en Valladolid son dos que andan na Coruña intervindo en folgas, manifestacións...”

Coincide totalmente Xosé A. “Moitos estadios para alá do Padornelo aos que vamos están inzados de bandeiras españolas: co toro, coa aguia franquista, coa cruz céltica... Mais nin seguridade nin policías lles poñen problemas. Chegamos nós coa estreleira e... non pasa unha”

“Téñennos entre cella e cella”

Xosé Lembra unha viaxe para animar ao Celta a Madrid, ao Calderón para xogar contra o Atlético de Madrid, en decembro do ano pasado. “Desde un principio, os antidisturbios xa nos enfilaron polas bandeiras. Non só polas estreleiras. Levabamos tamén unha que ten debuxada unha vaca no medio. Pois tamén nos quitaron esa”.

“Leváronnos atá unha bandeira galega sen estrela, que tiña unha vaca no medio da franxa azul”

Este celtista lembra que un dos seus amigos se resistiu a entregar a bandeira de Galiza coa estrela vermella: “Pediulle ao Policía o número de placa”. A resposta foi, asegura, “de matón total: “ O me das la puta bandera o te la tragas. Tú eliges, follavacas”. O de follavacas non é a primeira vez que se lle chama a un galego afeccionado do Celta. Nas semifinais co Granada polo ascenso a Primeira, siareiros celtistas da zona de Arousa recoñecen que era o insulto que os ultras granadinos lles adicaban polas rúas.

Xosé sinala que, na maioría dos estadios do Estado español tes problemas se levas a estreleira. “Saca os de Euskadi, Catalunya, claro, e algún máis.No resto, como leves a bandeira nacionalista, vas ter problemas seguro, ou coa policía, ou coa seguridade do estadio...ou cos afeccionados locais”.

Comentarios