O Celta nunca deixou de acreditar en si mesmo e salvou un ponto ante o Barcelona

Foi un exercicio de autoestima. De crenza nun mesmo. O Celta nunca lle virou as costas ao xogo e acabou cazando un ponto nos últimos minutos face o Barcelona dun Messi celestial e un Tello eléctrico. Un ponto valiosísimo. Un ponto que talvez ao final do campionato valla a permanencia na élite.

Celta
photo_camera Celta

Nestes xogos acreditar nun mesmo é vital. É a diferenza entre estar ou non estar. Entre viver ou morrer. Entre ficar a salvo ou sucumbir.

O Celta creu en si mesmo. Pese a todo. Pese á baixa de Iago Aspas. Pese a que perante el estaba un Leo Messi sedento de récords (de feito Balaídos viu como sumaba unha nova plusmarca, ao se converter no primeiro futbolista da liga española que fai gol en 19 partidos consecutivos, toda unha volta, unha proeza descomunal).

O Celta abriu e fechou o taboleiro de marcas. Adiantouse cun gol dun gran Natxo Insa (m. 37), enorme no traballo no centro do campo. Cedeu despois (1-1, m. 42) perante Tello, excelso, unha faca imparábel no costado esquerdo dos celestes, e máis tarde (1-2, m. 72) perante o inevitábel relámpago de Messi, que sen estar na súa mellor versión deitou detalles do que é, un mito vivente, alguén que está a marcar un antes e un despois, un deses semideuses que aparecen unha vez cada tres décadas e que fai que xa nada sexa igual no mundo do fútbol.

O Celta non se deixou impresionar en nengún momento. Turrou e turrou. Disciplinado, obreiro, solidario, serio

Mas o Celta non se deixou impresionar en nengún momento. Turrou e turrou. Disciplinado, obreiro, solidario, serio. Non estaba o seu mellor talento sobre o relvado, mas si estaba Borja Oubiña, que desta volta foi até o seu futbolista máis premente en ataque. Exixiu o mellor de si propio a Pinto na primeira metade e na segunda, xa abeirando o final do xogo, m. 85, apañou unha bola no flanco dereito da área blaugrana, un centro ben temperado de Orellana, e tirou de repertorio para, nunha cabezada precisa, colocar o definitivo 2-2 no taboleiro de marcas.

Ponto heroico para a equipa celeste. Un ponto para continuar soñando. Esta equipa cre en si mesmo. Xusto o necesario para remontar e saír do foxo.

Comentarios