"Acadada a permanencia, os límites hai que os poñer no ceo"

Da man de Moncho Fernández, o Obradoiro selou xa a súa permanencia na liga ACB, na elite do básket estatal.  Este domingo 21 de Abril, a equipa compostelá recibe a visita do Joventut (12.00). Sermos Galiza falou co treinador do Obra para coñecer de primeira mao as chaves do éxito.

Moncho Fernández
photo_camera Moncho Fernández

-Que sensacións lle produce ter asegurado xa a permanencia na liga ACB?

Cunha enorme satisfacción polo traballo cumprido. Este era o noso primeiro obxectivo ao inicio da temporada, polo tanto, acadalo é para sentirse verdadeiramente satisfeito. Amais estamos a bater o récord de vitorias da nosa franquicia. O ano pasado tiñámolo en 13 e este curso estamos en 15, cando inda fican 5 xogos por diante. Estamos a facer a mellor tempada en números da historia do clube.

-Unha vez cumprido o primeiro obxectivo, onde están as vosas miras?

Evidentemente, acadada a permanencia e coa equipa situada nunha posición de play-off, o que máis que un obxectivo era un soño, imos ir por todas, xa que estamos en condicións de logralo. Con todo, non imos mudar o noso discurso. Seguiremos partido a partido, tal e como sempre fixemos até o de agora.

-Que límites ten esta equipa?

Eu penso que estamos no noso tope [ri]. Estamos a bordear o cumio do conxunto. Pelexar con presupostos tan grandes como os que temos por diante e por tras, e estar entre as posicións nobres, tendo nas nosas mans a posibilidade de acadar unha moi boa clasificación, está moi preto do mellor nivel que pode acadar o equipo. Unha vez logrado o principal obxectivo de permanecermos na Liga Endesa, eu penso que os límites, agora, hai que poñelos no ceo. Cada día, cada partido e cada adestramento hai que seguir pelexando duro e ver até onde podemos chegar.

-Cales son os horizontes do básket galego?

Como noutros deportes, o futuro está directamente relacionado con dous aspectos: o primeiro é o apoio da afección e, o segundo, ten a ver coa situación económica. Canto o primeiro factor, tanto polo estado da afección como pola práctica do deporte, penso que na Galiza hai moitísima paixón polo baloncesto. Non só en Santiago, senón na Coruña, en Ferrol, en Ourense, en Vigo e Lugo, por suposto... Neste senso, os colexios son auténticas canteiras de practicantes afeccionados. Porén, o deporte de elite está directamente relacionado coa situación da sociedade e, nun momento de crise galopante coma o que estamos a vivir, é moi difícil que haxa cartos para proxectos de grande envergadura. Como di o refrán, se non hai para pan é difícil que haxa para santos.

-Como están as categorías inferiores?

Malia que, na actualidade, sexa Compostela a única cidade galega que ten un conxunto na primeira división do baloncesto estatal, o que espero que sexa por moi pouco tempo, está claro que hai bos proxectos detrás. Este é o caso da Coruña, Ourense e Lugo, que contan con conxuntos na segunda categoría. Iso quere dicir que no país hai moito moito sentimento polo basket. Loxicamente é moi difícil ter equipos no primeiro nivel, coa situación económica que atravesamos, xa que estes proxectos exixen uns enormes orzamentos. Porén, está claro que na media elite imos manter conxuntos galegos por moito tempo, tanto por historia coma por tradición. Doutra banda, vemos que hai equipas de categorías pequenas capaces de se meter nos campionatos estatais de baloncesto. Outra cousa xa é o salto cara ao profesionalismo, onde hai que ter moita calidade. Logo, hai de pensar que o baloncesto é un deporte practicado por xente moi alta e aí está a primeira criba fronte outros deportes coma o fútbol ou o fútbol sala, onde non é necesario ese aspecto físico tan concreto.

-Cal é a situación financeira do clube?

Penso que boa, a pesar do grande esforzo que están a facer o consello de administración e os afeccionados. Para transformar o conxunto en sociedade anónima deportiva, como sucedeu o pasado verán, foi necesario recadar un capital social de 3 millóns de euros e contar con perto de 2.500 accionistas que secundasen o proxecto. Foi un duro traballo sacar adiante o conxunto e existe moita consciencia de que, se temos cinco, hai que gastar cinco e non máis.

- O de camiñar 'miudiño', himno do clube, é parte xa da vosa idiosincrasia?

Dende logo. É ese instinto de supervivencia o que imprime o temperamento ao clube. Aliás, para nós é unha prioridade facer moi ben as cousas a nivel estrutural. Hai que ir fiando o equipo e aumentar a súa estrutura, facendo colaboracións con outros colexios, centros e asociacións, alén de Compostela. Creo que esa é a forma de medrar, ampliando e fortalecendo a base da pirámide, para que se poida sustentar a permanencia da equipa no primeiro nivel. Temos de tecer unha rede de contactos en toda Galiza.

- Serían posíbeis estes logros sen ese empeño seu de humanizar a equipa?

Imposíbel. É fundamental unirmos corpo e alma e fiar esa construción da equipa para pelexaren xuntos por un soño, por un logro. Máis aló do que propiamente é o plantel, priorizamos esa comuñón que existe coa afección, coa cidade e con todo o que rodea o Obradorio. Se os xogadores non puxesen o mellor de si mesmos, dende o punto de vista anímico, de pelexar por algo máis que por meter un balón dentro dun aro, sería imposíbel chegar onde chegamos.

Comentarios