“A afección do Depor deu unha lección a toda a Liga: En postos de descenso comportouse como se aspirase á Champions”

'Depor Vida', edítado por Radiofusión, é o libro que “todo deportivista debe ter, ler e gardar”, segundo a editora. Falamos con Rosabel Candal e Xerardo Porto, responsábeis dunha obra que constrúe un relato sobre unha afección e un clube que deixan pegadaalén dunha cidade e mesmo do país

Fernando Vázquez

'Depor Vida', edítado por Radiofusión, é o libro que “todo deportivista debe ter, ler e gardar”, segundo os seus promotores. Un total de 120 páxinas a cargo d@s xornalistas Rosabel Candal e Xerardo Porto. Cun prezo é de 14,95 euros, este libro estará á venda a partir desta semana en varias librarías,así como en tamén a través de internet. 

Qué conta 'Depor vida'? Que achega de novo ao relato do Deportivo e o deportivismo?

'Depor vida' é, ante todo, unha especie de crónica diferente do que significou para os branquiazuis esta intensa tempada de, en certa medida, e cronoloxicamente na sucesión de meses, desmotivación, cabreo, recuperación da ilusión e, ante todo, fidelidade, fose cal fose o resultado final da Liga. O libro recolle un importante traballo de recompilación de artigos publicados, sensacións e declaracións efectuadas polos propios xogadores e polos adestradores do Dépor no último ano, pero tamén de xornalistas de todos os paus e de sociólogos, profesores e expertos sobre o que é o fútbol hoxe en día, o que é o Dépor e a situación do balompé na Galiza. Hai capítulos centrados na psicoloxía e na persoa de Fernando Vázquez, pero tamén sobre Oltra, sobre Paciencia, sobre Valerón ou Juan Domínguez e faise especial fincapé no papel que xogou a afección, na eterna comparación coa lembranza do Dépor de Arsenio, e incluso unha reflexión sobre a fachenda do fútbol galego, que ao fin e ao cabo é o gran perdedor tras rematar esta tempada e quedarmos cun equipo menos en Primeira.  

"Fernando Vázquez soubo recuperar a ilusión dos deportivistas, activar a uns xogadores que estaban en certa medida case moribundos e motivar como case nunca á afección"

E que supuxo Fernando Vázquez para o deportivismo, xa non como adestrador, senón mesmo como un referente, unha icona para a afección?

Fernando Vázquez soubo recuperar a ilusión dos deportivistas, activar a uns xogadores que estaban en certa medida case moribundos e motivar como case nunca á afección. Nun momento no que o Dépor estaba na UCI total, o de Castrofeito toma as rendas e todo muda, marca estatísticas de partidos sen perder que levaban anos sen darse e fai que Riazor recupere a alegría coa súa presenza, independentemente do resultado final. En certa medida, e salvando as distancias, a figura de Fernando Vázquez para o deportivismo é similar á que puido supoñer Arsenio Iglesias. Ambos son dous dos técnicos galegos que máis partidos teñen dirixido en Primeira División ao longo de toda a súa carreira e supoñen para o fútbol galego moito máis que unha táctica de adestramento. 

"Un estudo recolle que máis do 90% dos habitantes da cidade herculina e da súa área de influencia consideran que o clube axuda a mellorar ou a empeorar a imaxe da Coruña e estarían dispostos a pagar unha media de 10,5 euros ao ano para que o Dépor continúe na elite"

Existia a idea do Deportivo como un club e unha afección moi restrinxida á cidade da Coruña  fronte a un Celta máis, por dicilo así, 'galego'. É así?

É certo que a asimilación Deportivo-A Coruña sempre foi moi forte. Un estudo recolle que máis do 90% dos habitantes da cidade herculina e da súa área de influencia consideran que o clube axuda a mellorar ou a empeorar a imaxe da Coruña e estarían dispostos a pagar unha media de 10,5 euros ao ano para que o Dépor continúe na elite. Habería que ver o que pensa o conxunto dos galegos. Dame a sensación de que esa apreciación que pode existir ultimamente do Dépor só para A Coruña e o Celta para toda Galiza pode ser resultado da eterna rivalidade entre o norte e o sur, pero certo é tamén que o Celta nestas últimas tempadas apostou en maior medida que o Dépor por xogadores da canteira galega, o que pode levar a esa asimilación do Celta como máis galego que o Dépor. En todo caso, o certo é que co descenso do Dépor, Galiza perde a oportunidade de vivir o próximo ano o gran derbi e esa é a verdadeira mágoa. 

"A afección do Dépor é a música necesaria para o baile do fútbol en Riazor"

Hai dous anos, a baixada a segunda división supuxo, curiosamente, un reforzo do Deportivismo, que deu unha lección de lealdade. Será igual nesta ocasión?

Todo apunta a que si. Non hai máis que ver a lección que deu a afección do Dépor esta tempada a todos os equipos da Liga. En postos de descenso e nunha situación moi grave para o equipo, a afección comportouse como se o Dépor aspirase á Champions, pouco menos. As campañas na rede, o Pódese, a creatividade, reactivaron o deportivismo. Dicía Arsenio hai uns anos que "a derrota humaniza" e a afección sempre demostrou que ser dos que gañan é moi fácil, pero ser do Dépor é mellor.

Como definiriades ao deportivismo (en canto a afección)?

A afección do Dépor en certa medida é como esa hinchada da que fala o escritor Eduardo Galeano no seu libro 'O fútbol a sol y sombra'. É o xogador  número doce, o que empuxa a pelota, a música necesaria para o baile do fútbol en Riazor. Sempre demostrou compromiso e apoio, lealdade, e tamén nos momentos nos que houbo que poñerse serios e chamar a atención ao equipo fíxoo. É unha afección responsable, que sabe estar aí como ningunha. É consciente de que hoxe en día o fútbol é un negocio industrializado, pero á vez, víveo como esa festa do xogo que sempre quere que acabe predominando. Que 4.000 afeccionados se trasladen da Coruña a Zorrilla como pasou hai unhas semanas para apoiar ao seu equipo non é algo que poidan dicir moitos clubes e menos en postos baixos. A afección do Dépor é fiel, entregada, o verdadeiro capital do equipo.

Comentarios