venres 10.07.2020
Cultura

O festival Zona da Zanfona inclúe este ano actividades virtuais

O evento mantén os concertos e cursos presenciais que o caracterizan en Rianxo, de 3 a 5 de xullo. Esta edición chega ademais cunha novidade moi especial, teima de aCentral Folque desde os seus comezos: un obradoiro para construír unha zanfona da man do artesán Suso Gestal.
A intérprete Tobie Miller fai parte do programa online de Zona da Zanfona.
A intérprete Tobie Miller fai parte do programa online de Zona da Zanfona.

De 3 a 5 de xullo, Rianxo será de novo referente co festival Zona da Zanfona (ZdZ), que celebra este 2020 a súa 16ª edición. Trátase dun evento único na Península Ibérica, organizado por aCentral Folque e promovido desde o concello, no que especialistas e audiencia se dan cita na vila mariñeira arredor dunha programación ateigada de concertos, cursos e convivio.

Os concertos atenden a un criterio de especialización, con Efrén López e as súas músicas mediterráneas; unha liña popular, co repertorio tradicional galego do dúo Sobre Rodas e a dramaturxia dos Monifates, e outra focada nas novas expresións recreadas, co trío É Romance. Esta edición non contará co "Palco Aberto", a mostra das escolas de zanfona do país.

Unha das principais novidades son as actividades online, que se desenvolverán en inglés, ao estaren encamiñadas a audiencia internacional. Estas inclúen unha aula maxistral con Steve Tyler, zanfonista inglés de longa traxectoria, e unha palestra sobre cordas históricas e modernas coa canadense Tobie Miller, intérprete especializada en repertorio barroco.

Construír unha zanfona

O curso de iniciación, para o que non se precisa instrumento propio, corre a cargo de Óscar Fernández, mentres o de especialización o impartirá o recoñecido Efrén López. Ademais, ofrécese un obradoiro de construción dunha zanfona conducido polo artesán Suso Gestal. Seguindo os planos de Jaap e Fay Brand na elaboración do modelo denominado Nerdy Gurdy, a equipa do ZdZ desenvolveu coa axuda do mestre un proceso que permite montar unha zanfona nos dous días que dura o curso, co que se cumpre "unha vella aspiración do festival" que avanza na accesibilidade do instrumento.

De balde mais con reserva

Aínda que a entrada aos concertos é libre, debe facerse reserva previa de billete, co gallo de respectar as medidas de seguridade oportunas. A capacidade será limitada e con distancia física entre o público. Os billetes poderán collerse para persoas individuais ou grupos de cinco conviventes como máximo.

O ZdZ tamén continúa coa divulgación de repertorio zanfoneiro coa terceira entrega do Cancioneiro #ZdZ, publicación de acceso gratuíto e libre que pretende ser unha escolma de cancións para todos os niveis, coas achegas de docentes de escolas de zanfona galegas.

comentarios