COMO ELA, CENTOS DE PALABRAS GALEGAS CORRERON POLO MUNDO

Zebra: o nome galego que do Cebreiro pasou para a África

As cebras son nativas da África. O seu nome deriva do nome zevro ou zebro, un equídeo selvaxe, actualmente extinto, que viviu na  Galiza até o século XVI  e do que deriva o nome Cebreiro. Cando os portugueses chegaron ao Cabo da Boa Esperanza encontraron uns equídeos riscados parecidos ao zebro e déronlles por nome cebra.

cebra
photo_camera Etiqueta do viño alentexano Zebro coa a historia da viaxe da palabra zebro

O texto que segue veume suxerido da lectura dun artigo de Alfredo López publicado no Terra e Tempo e  titulado A bordo da sexta extinción. Alí dise: “Hai centos de anos estabamos rodeados de animais que hoxe en día xa non habitan o planeta, é o caso do zebro (Equus hydruntinus), un équido salvaxe que habitaba os montes galegos, de aí o topónimo do Cebreiro”

"Todo o noso sistema lingüístico acabou por se estender por África e máis alá".

A presenza deste animal debía ser tan frecuente que cando os portugueses chegaron  ao Cabo da Boa Esperanza e encontraron uns equídeos riscados parecidos ao zebro non dubidaron en lles dar o nome de cebra, nome que se estendeu ao resto dos idiomas. Claro que non foi esta a única palabra. Na realidade todo o noso sistema lingüístico acabou por se estender por África e máis alá. Como curiosidade, esta historia reprodúcea, hoxe, unha casa de viños do Alentejo na etiqueta da marca Zebro.

Sobre el, o zebro,  é moita a literatura que existe, desde a Idade Media á Moderna.  E tamén no século XX.
Fálase dunha misteriosa especie cinexética de carne moi recoñecida para o consumo e pel especialmente idónea para calzado, ao lado da pel de cervo e da pel de vaca. 

A palabra “zebro” é a usual nos séculos XIII e XIV na prosa mentres que nas cantigas a forma máis habitual é a de “zevron” co significado de “home groseiro” segundo recolle  O Glosario da poesía medieval galego-portuguesa (GLOSSA). 

Era pois un animal habitual, como o cervo ou o corzo e mereceu un tratado completo de Fr. Martín Sarmiento: Disertación sobre el animal zebra. Nel inclúe Sarmiento unha cita de Bruneto Latino, o florentino mestre de Dante, en toscano, e faino, di, porque na altura a Academia de la Crusca aínda non introducira a palabra “zèvere” no dicionario. E o texto que Bruneto publica e Sarmiento reproduce, resumindo, di: a zebra é un animal maior do que o cervo, con orellas moi longas e que por enriba do lombo ten unhas listas; é un animal de pata fendida e carne de moito alimento. É tan  veloz que é moi difícil de cazar. Só ten un problema: gusta tanto do lume que os homes utilizan  esta característica para o cazar, pois fica embobado contemplando a chama. Sarmiento non acredita que isto sexa verdade, mais Bruneto Latino insiste nesa idea.

Animal polémico deixou na toponimia galega máis de 40 referencias e hai quen considera que os équidos representados en petróglifos e pinturas rupestre son este animal. As referencias toponímicas na península sitúanse ao oeste dunha liña que, aproximadamente, vai desde a desembocadura do Eo á do Turia.

Desafortunadamente non é este o único animal que hoxe non ten presenza entre nós máis que a través da lembranza toponímica.

"Animal polémico deixou na toponimia galega máis de 40 referencias e hai quen considera que os équidos representados en petróglifos e pinturas rupestres son este animal".

O cervo, ese animal que Bruneto compara coa zebra, se ben non desaparecido, tivo en tempos pasados moita maior presenza no noso territorio como proban as máis de 50 referencias que van desde A Laracha ou Porto do Son a Oímbra ou A Gudiña, algunhas, como a Fonte Cerval, en Arzúa, en presente referencia ás cantigas de Pero Meogo:

Tardei, mia madre, na fria fontana,
cervos do monte volvian a augua:
os amores ei.

Supoño que en alusión a outro animal que abundaba moito, e hoxe escasea máis, o gato montés, serán as ducias de topónimos teñen a forma “gato”, desde A Cova do Gato á Fonte do Gato.

Mais non son só os animais os que deron nome aos lugares. Tamén os vexetais que no pasado existiron e hoxe xa non existen, ou foron desprazados por outros, deixaron pegada na toponimia. É o casocebra2 de Painzal, Paínza, Painzás ou Painzais. O paínzo, tamén chamado millo miúdo, foi moi común en Galiza, sobre todo na rexión litoral, medrando tamén nas leiras das montañas interiores das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. Recibía o nome de millo, que despois tomou o actual millo que comezou a substituír o paínzo dende o século XVII. Tamén Orxeiro, Orxal, Orxás ou Orxais son topónimos que fan referencia ao cultivo do orxo ou cebada.

Comezaba citando o artigo de Alfredo López e finalizo coa mesma idea que el finaliza: a acción do ser humano, conquistando para si novos espazos, leva á desaparición de flora e de fauna. Mais tamén de outras culturas e linguas xa que a lingua vai indisolubelmente unida ao ambiente. E hoxe o ambiente, para o galego, comeza a estar deteriorado. Por iso, debemos poñer a lingua no “centro dos debates SEMPRE”.

SEMPRE

Comentarios