Zanfonistas do mundo en Rianxo

Volve Zona da Zanfona, o encontro internacional arredor deste instrumento que organiza aCentral Folque. Será do 5 ao 7 de xullo en Rianxo e alén de cursos e outras actividades para os músicos, hai concertos abertos ao público. 

zonazanfona
photo_camera Imaxe dunha edición anterior dos cursos de Zona de Zanfona

Galiza está na vangarda europea deste instrumento, afirman desde aCentral Folque, "en canto á variedade de estilos, proxectos diferentes, mestres ensinando e alumnado aprendendo que nos últimos anos ten visto un crecemento exponencial, envexado noutros puntos da Península e do continente. Cada vez é meirande o número de persoas practicando, aprendendo e construíndo a un alto nivel".

Galiza está na vangarda europea deste instrumento, afirman desde aCentral Folque, "en canto á variedade de estilos, proxectos diferentes, mestres ensinando e alumnado aprendendo"

Este encontro achegou a Galiza en doce edicións os referentes europeos que revolucionaron a zanfona nos últimos trinta anos e luthieres e investigadores de todo o mundo. Desta volta traen desde os Estados Unidos a R. T. Taylor, impulsor dos primeiros festivais alí, e Brian McCoy, un virtuoso intérprete e compositor "cunha visión moi persoal lonxe da tradición europea". Ambos os dous impartirán cadanseu curso xunto con Óscar Fernández, un dos especialistas galegos na materia.

Alén de cursos para interesados neste instrumento, haberá concertos abertos ao público na praza de Rafael Dieste. Desde o proxecto "Cantos de Cego da Galiza e Portugal" de Ariel Ninas e César Prata, até o cuarteto Estatalá, Brian McCoy e R. T. Taylor e unha foliada de zanfonas para rematar. 

Comentarios