Zanfona, capital Rianxo

Este mércores 27 de xullo dará comezo a duodécima edición do Encontro Internacional Zona da Zanfona en Rianxo, que por vez primeira se celebrará en verán. Con concertos, cursos, unha exposición e moitas outras actividades

zonazanfona
photo_camera Outra edición de Zona de Zanfona, con Óscar Fernández (zanfonista de Os Cempés) [imaxe: Biblioteca Municipal de Rianxo]

Zona da Zanfona, o festival internacional de zanfona organizado por aCentral Folque chega á súa XII edición e estrea novo calendario buscando os cálidos e longos días de verán para animar as rúas de Rianxo e ofrecer o punto de encontro e espazo de intercambio musical para as zanfonistas do país.

Na súa programación inclúense ofertas variadas e complementarias tanto para o público local como para o especializado: animación de rúa, concertos, baile, xuntanza das escolas galegas e cursos para inciados e experimentados tocadores conforman un programa ambicioso e variado. 

Referentes no instrumento en Galiza coma os consagrados Anxo Pintos e Óscar Fernández, verdadeiros pedagogos das novas xeracións de tocadores no país mais tamén os novos talentos de Obal (Iván Costa ou Jaime Rebollo) ou a versión máis cantabile co dúo Sobre Rodas (Luís O Caruncho e Carlos do Viso) conforman unha visión rica e variada da boa saúde coa que este instrumento tan carismático goza na Galiza.

Expo ‘Zanfonistas de Castelao’

“Zanfonistas de Castelao” é unha exposición comisariada polo Fondo Musical de Rianxo que se poderá desfrutar durante todos os días do encontro na Biblioteca Pública Municipal de Rianxo (Praza Rafael Dieste). Inaugurarase a cuarta feira 27 de xullo na primeira xornada do Encontro ZdZ ás 20h na propia biblioteca. 

Como parte destas xornadas tamén se presentará o disco ‘Cantos de cego de Galiza e Portugal’, un traballo que é o resultado dunha parcería entre o zanfonista galego Ariel Ninas e o cantor portugués César Prata. Son 16 temas galegos e portugueses reinterpretados da tradición oral da literatura de cordel, relatos que cegos levaban de vila en vila para facer o sustento da súa vida.

Duodécima edición

Logo de once anos, os Encontros Internacionais coa Zanfona seguen a estender os límites conceptuais deste “sintetizador medieval”  e  conviven a través do instrumento en diferentes estilos da nosa música popular. Son significativas todas as figuras de renome internacional que teñen pasado por este encontro situando a Galiza no epicentro mundial do instrumento e que marca un presente magnífico para un porvir donde a memoria do instrumento vai gañando cada vez máis espazo desde o rexurdir dos anos 70.

Zona da Zanfona ten acubillado os máis sobresaíntes creadores da novas tendencias para o instrumento: Valentín Clastrier, Gilles Chabenat, Gregory Jolivet, Marc Egea, Isabelle Pignol, Tobie Miller , Adrià Grandia, Germán Díaz… ou os luthieres e investigadores Jaime Rebollo, Xulio Gª Bilbao, Luciano Pérez, Pablo Cid ou César Loureiro.

Comentarios