Zamarra, barba, pipa, castañas... tamén con Nós Diario chega o Apalpador!

A noite do 24 ou a do 31 son as que a tradición recolle para a chegada do Apalpador, baixando das montañas do Courel para percorrer os fogares da Galiza.  Por iso, ao longo da vindeira semana, Nós Diario publicará unha serie de relatos e historias de xentes do campo da cultura ou a memoria e que teñen este carboeiro como protagonista. 
O Apalpador.
photo_camera Apalpador (foto: Leandro Lamas)

“Vaite logo meu ninín/ miña neniña/ marcha agora para a camiña, que vai vir a Apalpador/ a apalparche a barriguiña./Mañá é día de cachela,/ que haberá gran nevarada/ e a vir a Apalpador/ cunha mega de castañas”. A cantiga recollida pola vella Amadora nas montañas do Courel é a máis sólida testemuña da mítica figura que reparte entre as crianzas o mellor do seu tempo, unha presada de castañas para encher a barriga baleira.

Os investigadores José André Lopes Gonçales e Carlos Calvo foron quen comezaron coa recuperación da figura e, en pouco máis dunha década, a súa chama prendeu. Máis de trinta gravacións con informantes, que atesouran na Gentalha do Pichel en Compostela, dan para construír un retrato completo da figura do vello carboeiro.Na Gentalha e tamén na Semente, desde entón, cada ano festexan a figura.

O pioneiro artigo O Apalpador: Personagem mítico do Natal galego a resgate de José André Lópes Gonzáles  foi quen  deu a pistolada de saída á recuperación deste personaxe. O propio Lópes Gonzáles afirmaba hai dez anos nunha entrevista que "escribín sobre o Apalpador porque vía un mundo que estaba a desaparecer diante dos nosos ollos".

Recuperar

Un relato de como se recuperou que fai parte da aposta de Nós Diario por esta figura e que se concretará para a semana, cunha páxina diaria en torno ao Apalpador entre o 22 e o 26.

Que haberá?  Pois haberá contos, lembranzas, relatos, interpretacións... da man de diferentes persoas do mundo da literarura, a música ou a memoria e que se irán desvelando nestes días.

E que non pode faltar cando se fala deste personaxe tan antrañábel? Os debuxos do Apalpador realizou o debuxante e artista Leandro Lamas, a persoa responsábel de que se popularizase a imaxe deste carboeiro dos Ancares: A zamarra vai remendada, fuma pipa, leva un saco pendurado e as barbas son grandes e mestas, ficando afincado que é roibo. 

Festexar e gozar

Anxo Moure tampouco pode faltar cando se fala do Apalpador, figura que non aparece só no Courel, senón que se manifesta con diversos nomes noutros lugares da área galego-portuguesa: Apalpador tamén no Bierzo, Apalpa-barrigas nos Ancares, ou Pandigueiro na comarca de Trives.

Moure ten percorrrido medio país facendo de Palpador. E como se constrúe a personalidade deste Apalpador? El mesmo deu a resposta a Nós Diario:  "O elemento fundamental penso que é a barba. Constrúoa tamén a través do traxe tradicional, a vestimenta popular que levaba a xente con pantalón de pana, chaleco, camisa, a pucha ou boina, os zocos e o caxato. Busco algo que sexa moi plástico e ao mesmo tempo moi naturalista, que sería a antítese dese Papá Noel que se viste nas tendas de todo a cen ou nos comercios que oferecen todo procedente da explotación laboral dos pequenos doutros países".

"Non perder a raíz"

"É importante tamén que non se perda esa raíz", teima. "Ademais, é unha personaxe ao mesmo tempo universal. De feito, eu sempre digo ás crianzas que Papá Noel é un Apalpador emigrado da serra do Courel".

Tamén Xurxo Souto sabe do Apalpador, a través de cantigas  ou composicións que chegaban a través daquel Aberto por Reformas: 

"Vén do Courel...que ben !

Vén dos Ancares...que grande !

Vén do Souto máis retorto

onde aínda moucha o moucho"

O éxito do noso amigo é tan amplo que hai dous anos activouse Sigue o Apalpador, unha aplicación para o móbil que permite seguir o percorrido desta figura do Nadal galego polos concellos de Galiza. “É unha ferramenta moi sinxela que nos permite ver nun mapa por onde vai o Apalpador no seu percorrido por Galiza”, explicaban desde Mallando no Android.

A actual pandemia de coronavirus, porén, llimita nesta ocasion o periplo do personaxe por Galiza. O que non pode limitar é o seu protagonismo no Nadal da Galiza. 

Comentarios