Youtubeiras retoma as xuntanzas de formación sobre cuestións audiovisuais

Olaxonmario e Neeumátiko manterán encontros en centros de ensino.
Xuntanza da anterior edición do programa Youtubeiras. (Foto: Youtubeiras)
photo_camera Xuntanza da anterior edición do programa Youtubeiras. (Foto: Youtubeiras)

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de doce concellos, as tres universidades públicas galegas e a Deputación da Coruña, retomarán nesta edición o seu programa de xuntanzas formativas en diferentes espazos sociais e educativos.

O obxectivo desta iniciativa é impulsar a "capacitación, o achegamento ás novas xeracións e o intercambio de coñecemento no seo da comunidade creadora na rede".

O primeiro destes encontros terá lugar o vindeiro 22 de outubro no espazo Apego de Santiago de Compostela. Baixo o título de 'A megacolab', a xuntanza estará dirixida polo grupo Ginko -formado por María Lobo e Roi Guitián. A sesión estará centrada na "comunicación e creación colectiva coa idea de tecer rede e xerar colaboracións no futuro".

Asesoramento fiscal

A seguinte xuntanza, que decorrerá de maneira telemática o 1 de decembro, orientará os creadores e creadoras de contidos dixitais en cuestións relacionadas co asesoramento fiscal.

Neste caso, a profesional do sector Paloma López Retorta, será a encargada de responder as dúbidas que trasladen as persoas asistentes sobre "facturación, contabilidade e outros trámites administrativos".

Encontros en centros educativos

Por outra parte, a organización dos Premios Youtubeiras destacou onte nun comunicado de prensa a aposta por achegarse á mocidade nos seus centros de ensino.

Escolas e institutos de Ames, Moaña, Pontevedra e Santiago son os puntos escollidos para que Olaxonmario e Neeumátiko presenten o proxecto de Youtubeiras ao estudantado.

Ademais, tanto Mario Brión como Nee Barros -premio Youtubeiro 2021 e premio Calidade Lingüística 2021 respectivamente-, darán a coñecer diferentes canles que participarán na edición deste ano dos Premios Youtubeiras.

Comentarios