Premio

YouTubeir@s supera xa as cifras de inscricións de 2019 a dúas semanas de fechar a convocatoria

Desde que se abriu o prazo de inscrición o pasado maio chegaron un total de 300 vídeos e 50 canles, o que demostra a boa saúde duns galardóns fundamentais na promoción do galego na rede.
youtubeiros
photo_camera youtubeiros

A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, recibiron desde que se abriu o prazo de inscrición o pasado maio un total de 300 vídeos e 50 canles.

A participación superou deste modo xa con creces as cifras rexistradas en 2019.

Aliás, a organización prevé que os números aumenten nas últimas semanas de prazo, segundo a tendencia de certames pasados. A data límite é o 23 de outubro ás 23.59 horas.

A organización tamén destaca que está a detectar "un perfil de youtubeir@ máis consistente que xera contidos cunha periodicidade fixa fronte a modelos de anos anteriores, cando participaban vídeos de persoas creadoras non habituais".

Por outra banda, apúntase un mellor coidado das canles, dos contidos e das redes sociais. Detéctase igualmente unha ampliación nas temáticas tratadas, coa entrada de asuntos menos frecuentes até o momento como as creacións para crianzas, o fútbol, os videoxogos ou o trap.

7.500 euros en premios

Esta edición incrementa a dotación económica, que pasa de 6.500 a 7.500 euros que se repartirán entre as 12 categorías estabelecidas, fronte ás oito do ano pasado. O concurso contará cos seguintes apartados: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público.

Os galardóns está abertos a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, autoproducidos, subidos a YouTube e publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019. No caso de presentar canle, debe conter polo menos 5 vídeos, con posterioridade á mesma data.

Comentarios