Yolanda Castaño, singular finalista aos “Premios do Tren”

A escritora Yolanda Castaño foi escollida como finalista aos “Premios do Tren” o que fai da súa unha opción singular por varias razóns. A primeira por ser a única muller na listaxe de finalistas, a segunda por ser a súa a única obra escrita nunha lingua distinta do español na sección de poesía. Doce finalistas sobreviven a 976 obras presentadas de 825 participantes.

 
Yolanda Castaño
photo_camera Yolanda Castaño

A poeta Yolanda Castaño é unha das doce finalistas aos “Premios do Tren, Antonio Machado” de Poesía e Conto que convoca a Fundación dos Ferrocarís Españoles. Un total de 976 obras foron as presentadas ao certame, procedentes de 22 países. Despois de que o 14 de setembro rematase o prazo de presentación de obras, a Fundación vén de facer públicos os doce traballos finalistas, seis de poesía e seis de narrativa. Yolanda Castaño é a única muller nos nomes finalistas tanto en poesía como en narrativa e na sección de poesía, a súa obra “Tren de vida” é a única presentada nunha lingua distinta do español.

O fallo do xurado coñecerase o próximo día 28 deste mes nun acto público ao que asistirán os participantes finalistas. Un xurado composto por oito persoas, homes na súa totalidade, decidirá o fallo dun premio dotado en 6.000, 3.000 e 500 euros que contempla a publicación das obras finalistas na Colección Premios do Tren. Entre os membros do xurado atópase Jon Juaristi, Eduardo Mendicutti ou Luis García Montero.

Comentarios