Yolanda Castaño presenta "A segunda lingua"

A poeta Yolanda Castaño recibe o XI Premio de Poesía Fundación Novacaixagaliza nun acto no que presentará o libro premiado A segunda lingua. 

Yolanda Castaño
photo_camera Yolanda Castaño

Esta cuarta feira, ás sete do serán, entrégase o XI Premio de Poesía Fundación Novacaixagalicia, concedido á poeta Yolanda Castaño pola obra titulada A segunda lingua. O acto terá lugar no Auditorio da fundación vencellada ás antigas caixas galegas, situado no Cantón Grande da cidade da Coruña.

A obra galardoada significa un retorno á liña do erotismo de Yolanda Castaño, aínda que agora a súa expresión se faga máis dura e desencantada, quizabes nun tránsito de soidade que esixe un mínimo de presenza humana. O mesmo videotráiler d’A segunda lingua deixa claro que o libro vai cara a unha tensión forte e difícil de habitar, quizabes porque afonda nunha verdade feminina na que o referente masculino desaparece, na súa concepción tradicional, sen que aínda aparecese o complemento necesario para unha androxinia baseada na complementariedade e na igualdade. A obra entra no baleiro desa ausencia, pero de ningún xeito apunta cara a un horizonte despexado.

Aparecerá publicada na Colección Arte de Trobar, do PEN Clube de Galicia, entidade que toma tamén parte na organización deste certame literario.

O xurado do premio, dotado con 6000 €, estivo formado por Luís González Tosar, como presidente do PEN Clube de Galicia, e @s vogais Xavier Castro, Armando Requeixo, Luís Pousa e Fina Casalderrey.

Comentarios