Yolanda Castaño asina xunto Xosé Tomás o álbum ilustrado 'Paleta Planeta'

Yolanda Castaño: "Preocúpame moito a educación do gusto pola poesía desde a rapazada máis nova"

Logo de Sementes Viaxeiras, Paleta Planeta é o último traballo no que volven confluír a poeta Yolanda Castaño e o ilustrador Xosé Tomás Díaz. Trátase dun álbum ilustrado dirixido a nenas e nenos de 10 anos no que abordan o universo das cores dende as dimensións psicolóxica, física e cultural: atravesando a experiencia sinestésica e debullando as diversas capas de significado edúcase a sensibilidade visual, creativa e emocional. O libro será presentado o próximo 7 de decembro na libraría Berbiriana, en A Coruña. 
A poeta e promotora cultural adoita colaborar con Xosé Tomás nos libros destinados ao público infantil. (Foto: Yolanda Castaño)
photo_camera A poeta e promotora cultural adoita colaborar con Xosé Tomás nos libros destinados ao público infantil. (Foto: Yolanda Castaño)

Como nace a obra 'Paleta Planeta'?

Xa temos varios libros en colaboración Xosé Tomás e máis eu e, se ben en anteriores ocasións partía máis en orixe de textos meus, en Paleta Planeta xurdiu case antes a idea da parte visual de que os textos. Existía esa idea da proposta plástica e necesitaba tamén unha parte textual que a puidese completar para finalmente chegar ao resultado final. Cando traballo para o público infantil adoito asinar a meirande parte das obras en colaboración con Xosé Tomás.

Sobre que versa?

A obra trata de educar o sentido e o gusto plástico, a educación visual acompañándoa da interpretación e das emocións. Vincular cores a sensacións, emocións... todo nun clima moi sinestésico no que moitos sentidos teñen que ver uns con outros. É dicir, impulsos visuais que se relacionan con impulsos auditivos e demais sentidos que se relacionan moito entre eles. 

Son poemas no medio dun clima moi onírico e cheo de fantasía. Cada dobre páxina é un impacto de cor vinculado a un ton da paleta e, nel, bórranse as fronteiras da narrativa e da lóxica. Porén, superpóñense as impresións vinculadas a un mundo, no que, se acaso, si que aparecen as viaxes, o amor pola natureza... Chegan ser pequenas historias nas que desaparecen os límites físicos da realidade. En cada unha destas composicións, créanse pequenos mundos autónomos capaces de reunir elementos tanxibles e intanxibles nun mesmo lenzo.

Trátanse de textos rimados, como adoito facer sempre para público infantil, no que desaparece a secuenciación lóxica. O álbum, en xeral, céntrase na conexión entre as artes, un cosmopolitismo non eurocentrista, a identificación das propias emocións e a súa expresión a través de linguaxes creativas. 

Que proxectos ten para o futuro?

No 2020 saíu unha antoloxía bilingüe galego-castelán da miña obra e tamén a edición de Segunda Lingua en inglés, un poemario para adultos. Continúo a escribir poesía para adultos, pero todo se verá ao seu debido tempo. Agora estamos co lanzamento deste libro, que saíu hai un par de meses e cremos que pode ser un fermoso agasallo de Nadal. 

Traballa o gusto polo visual dando claves interpretativas de como as diferentes cores poden asociarse a diferentes emocións, fóra de estereotipos e fóra de lugares comúns. Xa houbo varias recomendacións lectoras por parte tanto de librarías como de rapazada e outros escritores que auguran un bo futuro para a obra.

Cal cre que é a situación actual da poesía no ámbito da literatura galega infantil e xuvenil?

Sempre se pode facer máis, por suposto. Preocúpame moito a educación do gusto pola poesía dende a rapazada máis cativa, xa que eu tamén puiden enganchar con este xénero dende ben nena, pero tamén temos algúns bos exemplos entre os nosos autores e autoras traballando neste eido.

Poderíase dicir entón que non é un xénero esquecido dentro do mundo literario infantil.

Non, claro. De feito, tamén temos premios nacionais traballando neste ámbito, na poesía para xente cativa. Non é un terreo, o da literatura infantil, no que coxeemos de máis na Galiza, pero convén seguir traballando e non esquecendo o xénero poético. 

Os datos do pasado ano que fan referencia aos clubs de lectura escolares falaban dunha escasa importante na presenza de títulos en verso.

Comentarios