Yolanda Barriocanal: “É prioritario levar adiante medidas de protección que afecten tanto os inmobles como a súa contorna

Yolanda Barriocanal é Profesora Titular de Historia da Arte na Universidade de Vigo onde  imparte a materia de Patrimonio Arquitectónico, Territorio e Paisaxe Urbán. Preparou para Nós Diario os fascículos de Santa Cristina de Ribas de Sil e Santa María de Zos. 
yolanda
photo_camera Yolanda Barriocanal

Santa Cristina de Ribas de Sil, beleza, harmonía, nove séculos de vida claustral. Que resta hoxe de todo iso?

Resta apenas un puñado de documentos de arquivo e un conxunto arquitectónico de singular valor, plenamente harmonizado na súa contorna natural, cuxos fermosos vestixios e illamento traen evocacións do tempo pasado e daquela aspiración dos monxes de vivir en silencio e humildade unha vida monástica en comunidade. Hoxe, todo aquel que se achega a este lugar séntese interpelado. 

Nun fascículo anterior sobre Aciveiro falábase da importancia dos mosteiros para a consolidación do poder real, naquel caso de Afonso VII,  e a organización do territorio. Van no mesmo sentido as reformas que a comezos do século XVI emprenden os Reis Católicos? 

A lamentable situación na que vivían os mosteiros galegos, sometidos ao réxime de encomendas, e o abandono da regular observancia e preceptos das respectivas ordes, supuxo a reforma do clero regular, emprendida polos Reis Católicos a finais do século XV, co apoio do papado. En liñas xerais, esta nova situación    trouxo como consecuencia a volta e incorporación das comunidades relixiosas á observancia, a perda de autonomía co establecemento do réxime trienal, e a profunda modificación do mapa monástico de Galicia.

Neste axitado proceso de reforma, os pequenos cenobios perderon o papel económico e relixioso desempeñado en épocas pasadas, ao ser suprimidos moitos deles para ser incorporados ás abadías de maior importancia, engrosando así o seu patrimonio e rendas, caso dos de Santa Cristina e Pombeiro, que quedaron anexionados ao de Santo Estevo de Rivas de Sil, quedando reducidos a simples priorados.

Nese caso, que consecuencias tiveron para estas  edificacións ... 

O saneamento da economía das comunidades conventuais deu inicio a un proceso de profunda renovación arquitectónica, que durante case tres séculos lles permitiu investir en obras de ampliación e mellora das maltreitas dependencias monacais. Isto propiciou a promoción de grandiosas obras renacentistas e barrocas a cargo de mestres de cantería foráneos, ben capacitados para levar adiante os novos proxectos, pero tamén a perda das vellas fábricas medievais.

A vida monástica de Santa Cristina conclúe na primeira metade do século XIX. Que pasou despois?

O proceso desamortizador trouxo como consecuencia a venda do mosteiro e o seu paso a mans particulares, véndose afectado o seu edificio  coa ruína da súa fábrica. 

A deterioración na que se atopaba o conxunto tratou de remediarse coa súa restauración, aplicando uns criterios de actuación moi definidos na procura dunha mínima intervención, coa consolidación, musealización e recuperación dos significados dos espazos monásticos. 

O estudo histórico-artístico previo á restauración permitiu o mellor coñecemento do edificio, ampliado considerablemente con novas e máis recentes aportacións bibliográficas, tanto de xeito monográfico como en obras de conxunto.

Tamén, as especiais características do mosteiro motivaron  que polo Decreto 78/2009, do 2 de abril, fose declarado Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento, cun contorno de protección específica, quedando amparado, así mesmo, no marco dunha nova identidade patrimonial, polo decreto de 2018 no que se declara BIC a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, na que se integra.

Vostede tamén é autora do fascículo 22, correspondente a Santa María de Zos. Que particulariza esta igrexa do punto de vista iconográfico?

Os talleres que traballaron nas diferentes áreas xeográficas  nos séculos do románico foron deixando a súa pegada en múltiplas particularidades morfolóxicas e iconográficas da máis variada procedencia. A proximidade da comarca ourensá da Limia con Portugal facilitou o intercambio de motivos decorativos, pondo de manifesto a permeabilidade da fronteira. Os canteiros que traballaron nas igrexas desta zona amosan especiais características nos temas esculpidos, confirmando a súa execución nun mesmo marco cronolóxico e polo mesmo taller, que no caso de Zos deixou boa proba da súa peculiaridade polo reiterado uso de fermosas composicións xeométricas de entrelazos. 

Finalmente, vostede imparte a materia de Patrimonio Arquitectónico, Territorio e Paisaxe Urbán na Universidade de Vigo. Como é o estado de "saúde" do noso patrimonio, especialmente do románico rural?

Un dos problemas principais aos que se enfronta a conservación do noso patrimonio é o despoboamento, un fenómeno xeral que afecta a grande número dos monumentos espallados polo noso rural, coas dificultades que iso comporta. 

Esta especial vulnerabilidade aconsella a implementación de propostas que favorezan a protección e posta en valor de moitos dos expoñentes, contemplando non só o legado arquitectónico nas distintas etapas construtivas, senón tamén o do seu patrimonio moble, para permitir unha lectura global e conxunta do valor cultural dos monumentos e dos seus significados ao longo dos sucesivos períodos históricos. 

Así mesmo resulta prioritario levar adiante medidas de protección que afecten tanto os inmobles como a súa contorna, en canto bens que forman parte da estrutura tradicional do territorio, para superar así a consideración restrinxida, meramente monumental, e adaptarse as novas visións que a noción de Patrimonio Cultural trae na actualidade. 

Comentarios