Yo-Yo Ma inclúe un tema galego no seu último disco

O famoso cellista lanzou na pasada sexta feira o seu novo disco con Silk Road Ensemble, a banda á que pertence Cristina Pato, que inclúe unha nova versión de 'Cabaliño', un tema tradicional popularizado por Davide Salvado. 

SilkRoad_187_crop_©_2011_Max_Whittaker
photo_camera Yo-Yo Ma (á dereita da foto, co cello) e o Silk Road Ensemble, con Cristina Pato á gaita [Foto: Max Whittaker]

Yo-Yo Ma e o Silk Road Ensemble estreou a pasada sexta feira o seu novo disco ‘Sing Me Home’, que inclúe unha nova versión de ‘Cabaliño’, esta fermosa canción tradicional galega que foi gravada xunto cos músicos galegos que formaron parte do proxecto ‘Rústica’: a propia Cristina Pato, Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña.

O novo arranxo de ‘Cabaliño’ foi realizado por Anxo Pintos e ten como solistas a Yo-Yo Ma, o iraní Kayhan Kalhor e Davide Salvado. 

O album explora a sempre cambiante idea de fogar a través de melodías folk tanto tradicionais como orixinais interpretadas polo Silk Road Ensemble, Yo-Yo Ma, e unha variedade de salientables artistas convidados, que ademais dos músicos galegos, inclúe outros artistas de renome como Gregory Porter, Bill Frisell, Sarah Jarosz, ou Abigail Washburn.

O album foi desenvolvido e gravado en paralelo a The Music of Strangers: Yo-Yo Ma and the Silk Road Ensemble, o documental do director gañador dun Oscar e un Emmy Morgan Neville que narra a historia do Silkroad, que foi gravado en boa parte en Galiza. Estrearase en xuño nas salas de cinema de todo o mundo e logo poderase ver na canle HBO.

Comentarios