Crítica de cinema das sextas feiras

"Yesterday", moito máis que a música dos Beatles

yesterday2
photo_camera Un fotograma do filme

YESTERDAY

(Reino Unido-EUA 2019, 116 min.) 

Dirección: Danny Boyle

Guión: Richard Curtis

Fotografía: Christopher Ross

Música: Daniel Pemberton

Elenco: Himesh Patel, Lily James, Joel Fry, Kate McKinnon, Alexander Arnold, Ed Sheeran, Meera Syal, Sanjeev Bhaskar, Ellise Chappell, James Corden, Robert Carlyle

SINOPSE

Un músico fracasado está a piques de tirar a toalla no mundo da música cando sofre un accidente e esperta nun mundo onde os Beatles nunca existiron.

CRÍTICA

Recoñezo que fun ver Yesterday coa mosca tras da orella. O trailer, ademais de expoñer unha premisa realmente interesante (un mundo onde só unha persoa coñece as cancións dos Beatles... e ademais é músico), contaba demasiado, como adoita pasar. A historia, os xiros, as brincadeiras principais, e até case se pode intuír o desenlace... Semellaba non haber oco para nada máis. Así que... para que diaño perder dúas horas se xa o trailer condensaba á perfección unha trama nunha mini curta que xa molaba por si mesma? Pois a resposta é: Danny Boyle. 

Non é que o director inglés non teña filmes malos ou esquecíbeis (léase Trance, por exemplo) pero o certo é que, en xeral, trátase dun cineasta que sempre intenta aportar profundidade a todas as historias que aborda. E así foi. Peliculón sen paliativos sobre os Beatles que ademais non é un musical (como Across the Universe) nin tampouco un biopic ao modo Bohemian Rhapsody ou Rocketman. Quen espere algo así que o vaia sacando da cabeciña se non quere levar unha decepción... 

Yesterday é máis unha comedia romántica. Si, cántanse cancións... E si, son dos Beatles... Pero unha das poucas concesións que se fan ao xénero “musical” vén en forma de mini-homenaxe, xusto na secuencia inicial, nunha breve chiscadela ao filme Once (2007, John Carney), o mellor musical da era moderna (ver Sermos nº204) co permiso de La La Land, na que se presenta a Jack Malik (Himesh Patel) tocando na rúa... igualiño que facía o mozo de Once.

Jack é un músico con talento pero sen sorte. A súa manager de sempre, Ellie (Lily James), conséguelle pequenos bolos en locais e festivais de música, mais nunca consegue a repercusión agardada. Xusto cando está a piques de tirar a toalla sofre un accidente e esperta nun mundo onde nunca existiron os Beatles, pero el si se lembra das cancións. O camiño ao éxito está asegurado... ou non?

Richard Curtis escribe un guión que segue ao pé da letra a fórmula de “comedia romántica británica” creada por el mesmo. Lembremos que Catro bodas e un funeral, Love Actually, Unha cuestión de tempo ou Notting Hill son guións seus. De feito Yesterday poderíase definir coma unha mestura de Unha cuestión de tempo + Notting Hill. O ton fantástico-romántico de Unha cuestión de tempo e practicamente a mesma estrutura que Notting Hill, coa que comparte ademais un personaxe toleirán e desastrado, moi na liña de Rhys Ifans, e que en Yesterday recae sobre Joel Fry, que tanto axuda como pon en apuros ao protagonista.  

Realización estilo Danny Boyle (con encadres retortos, reflexos en cristais, saturacións de cor, etc), texto impecábel de Richard Curtis (salvo unha lagoa espazo-temporal imperdoábel que deixo para outro capítulo), un deseño de son coidado até o máis mínimo detalle e, por suposto, a música dos Beatles. Que máis se pode pedir?... Pois por exemplo que teña xiros críbeis, personaxes que enganchen, unha parella con química, que o protagonista cante e toque os instrumentos de verdade (Óscar á vista?), que os secundarios sumen na historia e estean ben desenrolados, que teña intriga, comicidade, que emocione... Yesterday ten todo iso, e algunha que outra sorpresiña máis. E non, non se trata da presenza de Ed Sheeran no reparto, que iso xa se desvela no trailer

De Yesterday sáese cun sorriso de orella a orella e cantaruxando as cancións máis míticas dos Beatles. A un filme así adoitan darlle a denominación de feel good movie, é dicir, unha “peli que che fai sentir ben”. Por riba fai reflexionar sobre o proceso creativo, serve de rotunda homenaxe a unha das bandas máis grandes da historia e deixa unha cousa moi clara: definitivamente o mundo sería bastante peor se non existiran os Beatles.

Comentarios