FEFA NOIA, NOVA DIRECTORA DO CDG

“Estamos nun momento delicado para o CDG”

Esta compostelá vén de incorporarse este luns á dirección dun CDG en tempo de vacas fracas logo dun percorrido profesional que a levou á dirección artística de Teatro La Abadía para logo fundar tamén en Madrid a súa propia compañía, Los Lunes. A chegada de Noia ten xerado unhas expectativas moi altas por mor do seu currículum, pero inversamente proporcionais ao orzamento que terá que xestionar. 

fefanoia-peq
photo_camera fefanoia-peq

–    Xa coñeces a casa, dirixiches en 2013 'Días sen gloria', de Vidal Bolaño. Co teu perfil agárdase unha potenciación da dramaturxia contemporánea e unha renovación xeracional. Cales son os teus obxectivos principais?
–    Un dos obxectivos é apoiar todo o que poida a dramaturxia galega contemporánea, pero non exclusivamente dos máis novos, e para iso entrarei en contacto con eles para saber que necesidades teñen e como podemos articulalo para empezar a traballar xuntos. Por outra banda, gustaríame reforzar o vínculo do CDG coa profesión, e despois traballar bastante os públicos. Iso é un traballo bastante desagradecido e a longo prazo. Non debemos deixar de pensar como podemos facer para conseguir máis complicidades e apoios por parte dos espectadores. Isto é unha declaración de boas intencións, porque sabes que me incorporei o luns. E, finalmente, unha das principais funcións do CDG é apoiar o teatro galego, e creo que é o momento de potenciar a súa proxección cara a fóra. É algo que se vén desenvolvendo desde hai un tempo, e imos darlle continuidade.

–    Ti gañaches o concurso público en base a un proxecto que supoño que será o que vas levar adiante, non?
–    Ademais do que xa comentei, o reforzamento das relacións coas demais institucións culturais galegas, e tamén dentro do posible tratar de conectar cos demais centros dramáticos da península buscando a proxección e o intercambio dos autores galegos. Do proxecto que presentei eu, xa sabes que o CDG é unha unidade de producción, e polo tanto a primeira actividade é de producción, que se traducirá en producións e coproducións. Por outra banda, para reforzar esa actividade, fará actividade formativa, tanto vinculada ás producións da casa como formación continua, e para iso entronca de novo co diálogo coa profesión, coa Asociación de Actores, con Escena Galega, coas compañías, é dicir, tratar de poñer en común os nosos intereses, para cubrir eivas formativas.

"A nosa idea é facer unha primeira estrea a finais do verán, primeiros de outubro"

–    Chegas cun currículum impresionante nun momento delicado, quizais o momento máis feble do CDG da súa historia, producindo un só espectáculo ao ano, cando antes eran tres, e cun orzamento mínimo. O teu proxecto supoño que se terá que adaptar a esta realidade...
–    Claro, por iso che dicía  que isto é unha declaración de boas intencións. Eu creo que si estamos nun momento delicado para o CDG e en xeral para o teatro e para a cultura, tanto en Galiza como fóra. Aínda que eu si son optimista neste sentido, trátase de facer de certas carencias virtude. Temos que traballar co que temos e sacar o meirande proveito posible, que pode ser moito. Temos que concentrarnos niso e facelo o mellor posible, buscar sempre un principio de calidade, iso é moi importante. 

–    Por concretar un pouco, neste 2016 ides facer unha produción, non?
–    Non quero entrar no detalle, porque me incorporei hai tres días e a presentación do plan específico será un pouco máis adiante. Só dicirche que a nosa idea é facer unha primeira estrea a finais do verán, primeiros de outubro. Neste primeiro periodo, vou intentar ser prágmática para entrar en actividade pronto. E cando o tempo non sexa tan acuciante xa poderemos empezar a darlle corpo a outro tipo de proxectos. Agora trátase de ser pragmático e eficaz, para que o Centro non estea parado o menos tempo posible. 

–    O sector teatral galego renovouse a fondo e semella que o CDG xa non é o centro de todo. Desde o sector dise que o teu principal reto será conseguir que o CDG volva a ser parte do tecido teatral do país. Tan mal está a cousa?
–    (risas) Eu creo que non. As institucións teñen unha evolución segundo a xente que estea nelas. Cada un ten o seu criteiro. Tampouco sería bo que todo xire en torno ao CDG. O que é moi bo é que haxa dúas correntes, iso sabémolo todos. Os teatros institucionais teñen certas cortapisas, certas limitacións que non ten a iniciativa privada. Eu creo que é bo e san que haxa un tecido teatral privado, e hai que alimentalo e canto máis rico sexa, máis rico será o CDG. E canto mellor lle vaia ao CDG mellor lle irá ao sector privado. Entón, trátase de convivir en paralelo e retroalimentarse, canto máis mellor. Si é certo, eu creo que fai falta non só retomar o diálogo coa profesión, para que tamén haxa conciencia de que o CDG ten que ser a casa da profesión galega, pola que teñen que pasar nalgún momento, e da que teñen que apropiarse en certo xeito. E aí vai estar o quid do funcionamento do CDG. É certo que en comparación cos primeiros tempos, o CDG está nunha posicion un pouco máis feble, pero iso débese máis ben non tanto a un discurso artístico, senón á situación orzamental. Trátase de reforzar a institución, pero o quid da cuestión está en buscar apoios, tanto dos profesionais do sector como do público. Escoitar as opinións e as necesidades para poder cubrilas dentro das nosas posibilidades todo o que se poida. 

"Eu creo que é bo e san que haxa un tecido teatral privado, e hai que alimentalo e canto máis rico sexa, máis rico será o CDG"

–    Estiveches moito tempo fóra, pero gustaríame saber o que opinas da situación do sector do teatro en Galiza. 
–    Ten moi boa saúde, hai moitísimo talento. Falando en termos artísticos, non económicos -porque o teatro nunca foi unha actividade lucrativa- paréceme que a situación do sector é moi boa. Hai compañías novas moi boas en canto a calidade, que non teñen nada que envexar a outras de fóra. O que temos que conseguir é ampliar o escaparate, que se vexan máis. E esta corrente de novidade debería notarse na actividade do CDG. A min paréceme que o panorama é moi bo, moi rico e moi fructífero, con diálogo entre xeracións, que é moi interesante.

–    Que feblezas salientarías?
–    Non sei se falaría de feblezas. En Galiza e en todas partes, temos que seguir sempre pensando no seguinte reto, non deixarnos paralizar polas circunstancias de cada momento. Todo é mellorable. Creo que hai propostas novas, hai compañías que entran con moita forza, moi prometedoras e interesantes, e outras veteranas que cumpriron promesas. Compañías cun percorrido, cunha experiencia, con moita calidade e cuns nomes. Podería falarche dos potenciais perigos que poderían correr se non houbese diálogo, se non permanecesemos alerta en todo momento. Precisamente estaba a ler agora un artigo de Camilo Franco que falaba da inestabilidade permanente, e di que o discurso do capitalismo subliña a inestabilidade como unha condición inescusable para a arte. Eu estou dacordo, aínda que o concepto non é inestabilidade, pero non hai que deixar nunca de ter un reto máis grande por diante. Ese é o perigo máis grande da arte en xeral e do teatro en concreto, acomodarte. Non creo que sexa o caso, non creo que estea sucedendo. 

- Antes falabas da internacionalización, da proxección cara a fóra…
- Trátase de que o traballo de determinadas persoas, que é magnífico, se lle poida ampliar a visibilidade. E iso é tamén labor do CDG, tratar de ampliar o escaparate e a visibilidade de determinados artistas galegos e de determinados traballos que se fan aquí. 

"Hai compañías novas moi boas en canto a calidade, que non teñen nada que envexar a outras de fóra. O que temos que conseguir é ampliar o escaparate, que se vexan máis"

- Este ano celébrase o 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán e o ano que vén libéranse os seus dereitos. Guede falou coa familia de Valle para intentar representalo en galego por primeira vez na historia, pero volveron a negarse. Cal é a túa idea para celebrar esta efeméride?
- Ese é un pequeno escollo, si (risas). Valle é un autor magnífico e que non se pode representar en galego. Non teño aínda solución, porque é unha situación peliaguda que xa se deu no pasado. E tiña un certo sentido, porque un CDG que non monte a Valle-Inclán, pois é unha verdadeira mágoa. É unha perda considerable, pero gustaríame consultar a opinión dos profesionais e das compañías. Tal vez o máis intelixente sexa deixalo para o ano que vén, aínda que non sexa no aniversario.  

- E á marxe dunha posible montaxe, tes idea de facer algo a maiores con Valle?
- A situación agora é poñernos mans á obra canto antes, poder empezar a ver resultados canto antes, por iso hai que ser eficaces e pragmáticos. Pero por iso mesmo, aínda non che podo concretar. Necesitamos un pouquiño de tempo. 

Comentarios