A XV edición do Nigranjazz aposta na canteira de artistas galegas

O festival, que decorrerá na Foz o 30 e o 31 de xullo, anuncia un cartel no que están once músicos galegos, seis chegados desde distintos territorios do Estado español e unha banda internacional, a Focusyear Band suíza.

Un instante da presentación deste evento musical. (Foto: Nigranjazz) #nigrán #nigranjazz #jazz #música #cultura
photo_camera Un instante da presentación deste evento musical. (Foto: Nigranjazz)

"É unha edición marcada aínda pola pandemia, tanto en restricións como en posibilidade de traer a músicos de fora, pero pese a todo conseguimos manter o nivel de excelencia". Con estas palabras presentou o director do Nigranjazz, Felipe Villar, como vai ser a edición deste ano.

No cartel detéctase unha profunda aposta na canteira galega, ao sumar até once artistas da terra entre os que destacan ao pianista Diego Vázquez.

Entre as sete propostas chegadas de fóra teñen especial proxección o trompetista de orixe canario Natanael Ramos e a Focusyear Band de Suíza, que á súa vez está formada por oito músicos de disintas partes do mundo.

Programación

Esa presencia de artistas galegas e galegos comezará o día 30 ás 21 horas, cando actúe Ombra de Lúa, un grupo liderado por Jordi Gaspar. Ás 22.30 horas, Ramos incorporará a dous galegos, Virxilio Da Silva e Xan Campos, ao seu espectáculo.

O sábado 31 será a quenda da Focusyear Band, que dará paso tamén ás 22.30 horas ao pianista galego máis internacional, o vigués Iago Vázquez.

O evento, organizado polo Concello coa colaboración da Deputación de Pontevedra, terá lugar os días 30 e 31 de xullo no esteiro da Foz (A Ramallosa). As entradas serán de balde se ben habilitarase unha fórmula de reserva dado que a capacidade dos espazos -o Porto do Molle acollerá as clases maestras e as jam-sessions- será limitada para garantir a seguridade do público ante a Covid-19. Estas últimas serán en sesión vermú cun espazo gastronómico e tempo para formacións emerxentes.

Desta nova edición tamén destaca o cartel gañador, creado polo deseñador gráfico David Sierra, que se impuxo a outras 175 propostas chegadas desde todo o mundo. Esta foi a convocatoria de maior participación nos 15 anos de vida da cita musical.

"Pese a todas as dificultades deste ano, incluso máis grandes que o pasado á hora de contratar, o Nigranjazz ofrece novamente a oportunidade de gozar de artistas que dificilmente veñen ao noroeste peninsular e de actuacións únicas porque son formacións feitas para esta ocasión", subliñou Villar.

Comentarios