PARA CELEBRAR A CUARTA EDICIÓN DO SEU 'CONTOS DA CORUÑA'

Xurxo Souto recupera "momentos coruñentos"

Xurxo Souto volve ás librarías para celebrar a cuarta edición de 'Contos da Coruña' no que o autor fai unha viaxe ao fondo da memoria desta cidade e dos seus barrios populares.

contosdacoruña
photo_camera Extracto da foto de portada de 'Contos da Coruña'

Este sábado 10 na libraría Berbiriana ás 12 horas e a terza feira 27 na Suévia ás 20.30 horas, Souto convida de novos aos seus lectores a descubrir unha cidade inédita para os medios de comunicación: a Coruña como unha cidade atlántica (onde sopra o vento de Nova York), enxebre e cosmopolita; como unha pedra chantada no océano; como unha cidade que naceu do mar e no mar ha ter o seu futuro. Haberá contada que rematará con música, como é habitual cando Souto se embarca nunha nova aventura. 

'Contos da Coruña é un primeiro e único manual de épica cascarilleira. Nel Xurxo Souto proclama, por exemplo, que "non é que Coruña e Vigo sexan cidades irmáns, non, é que son a mesma cidade, desde os ollos do océano son dous pontóns de recalada dun mesmo porto". Ocorre, explica, "que na Coruña non sabemos nada de Vigo e en Vigo non saben nada da Coruña. Eu tardei moitos anos en saber onde quedaba Coruxo ou Beade ou Teis, pero descubrín que Teis era igual que os Castros, que Beade é igual que Labañou e que Coruxo é igual que a Agra do Orzán. Pero non nos dan esa oportunidade, porque hai unha incomunicación total". E a proba definitiva disto de que A Coruña e Vigo son as mesma cidade, afirma, "é que Abel Caballero quere ser Paco Vázquez". 

E a proba definitiva disto de que A Coruña e Vigo son as mesma cidade, afirma, "é que Abel Caballero quere ser Paco Vázquez"

"Este libro saiu da miña inadecuación entre a realidade e a imaxe da cidade, monolingüe en cstelán, e eu non sentía iso", explica. "Entón descubrín que fóra desa imaxe tópica da Coruña monolingüe, cidade-estado á marxe do resto do país, existe outra realidade, pero quero insistir en que esa imaxe triunfou mesmona xente máis competente, nos sisudos analistas do país".

Galiza no mapa da Coruña 

O que vía pola rúas, insiste o escritor, "é que ademais de ser a cidade con maior número de galegofalantes de todo o país, o mapa de Galiza está no plano da Coruña: a maior parte da xente da zona dos Castros son xente que veu da parte de Lugo; a Costa da Morte está na Agra do Orzán... e logo descubrín o mundo do mar".

"Esta é unha cidade chantada no Atlántico pero ninguén che explica nada, edúcannos como terricolas", quéixase. "Subimos ao alto da Torre e vemos mar, pero o mariñeiro está vendo o Carpancho, os Aberrecidos,  o percebeiro ve os Coitelos de Terra, os Coitelos de Mar, o Gueivouteiro... é como unha cidade invisible que está diante de nós e que hai que compartir. Iso foi o que fixemos".