Xurxo Souto pon o ramo ao Crânio de Castelao: "A comunicación na lusofonía é total, sen peneira algunha"

O escritor e músico Xurxo Souto pecha a historia do Crânio de Castelao despois de ter pasado por mans de once escritores de catro continentes e cinco países no ámbito da lusofonía.

Xurxo Souto
photo_camera Xurxo Souto

Publicada no semanario Sermos Galiza por entregas, O Crânio de Castelao, á falta duns esclarecementos finais do coordinador Carlos Quiroga, chega a seu fin como unha experiencia única e singular da escrita dunha lingua común.

-Vostede pon o ponto final á historia do cranio de Castelao que andou por tantas mans. Como foi tomar parte nun proxecto literario colectivo?

A experiencia tiña, por necesidade, que ser fascinante porque, como escritor, entras nun xogo literario a nivel planetario. Grazas á proposta de Carlos Quiroga xuntámonos empregando uns vimbios especialmente próximos, as palabras e a lingua que nos é común. 

-Como se deu o encontro con outros escritores de orixes tan diversas?

A relación foi intensamente cómplice. Aínda que sexan persoas algunhas delas non coñecidas persoalmente, nin demasiado próximos os seus contextos, partiamos de palabras íntimas, das palabras da tribo e, por iso, foi un proceso de comunicación total, “até o mango”, que dirían os de Malpica. Alén de prexuízos, de superestructura ideolóxica, de pensamento, xorde a realidade de comunicación total, sen peneira algunha. O que os poetas Jorge Guillén ou Uxío Novoneyra chaman o milagre da realidade. Comunicámonos de xeito pleno. 

-A caveira de Castelao en mans de escritores de todo o mundo, algo irreverente, non é?

Foi unha brincadeira de inicio mais eu creo que, en certa medida, o cranio de Castelao recuperaba a súa realidade. Tiña outras texturas, outras perspectivas. Xente de talento tan importante deitaba a súa creatividade nunha creación colectiva sobre unha figura para nós fundamental nunha cidade como Compostela. Estes elementos todos fan que sexa un proxecto fantástico.

-Por que a nosa literatura non dá entrado en Portugal ou Brasil?

Damos entrado no ámbito da lusofonía! Diaria e constantemente. Se se mide en fama ou termos económicos os resultados non son grandes, mais tamén Portugal leva toda a vida intentando entrar no Brasil e non dá feito. Zeca Afonso non é coñecido no Brasil e Fausto hai pouco confesaba que nunca tocara alá. Nós non temos moita presenza comercial mais establecemos relacións persoais, e temos, por poñer un caso, experiencias no eido da música sensacionais como o encontro entre Manecas Costa e Narf ou Zé Cavaleiro e Uxía. Esa relación está máis presente do que pensamos. 

-Mais responde a esa vontade persoal de cada quen ou hai  iniciativas institucionais tamén que contribúen a que iso aconteza?

Trátase dun encontro persoal e á vontade de cada quen. Diante da preguiza dos estados e das estrutura culturais de poder, compre reivindicar a outra parte, o outro discurso. Estámonos comunicando cada día nós, grazas ao poder das palabras e á intimidade das persoas que viven, ás veces, no cabo do mundo. 

-Como lembra aquela experiencia que foi o Latim em pó no que vostede participou e do que naceu o Cranio?

Con Emilio Cao coordinei a parte musical e foi un fascinio completo o encontro que se estableceu entre distintos músicos. Lembro o escritor Cardoso a pronunciar unha palabra, para nós descoñecida, da súa tribo diante dunha cunca de ribeiro, para el un sabor novo e diferente. Sempre que se crean claves de encontro os resultados son positivos. Lembro a participación do poeta brasileiro Wisnik que dicía que o resto do planeta é periferia porque están a mirar o que fan os Estados Unidos. Para el, Brasil é centro porque alí se xuntan Europa e Afríca e rematou dicindo que Galiza tamén era centro e definíndose como un “paragalego da periferia”. Grazas a esa relación tamén nós podemos ser “parabrasileiros”. Lembro outro debate forte que mantivera con Augusto Miranda. Dicía Wisnik que o que acontecía en Lisboa xa non interesaba. A lusofonía fainos saír do eurocentrismo e o pulso da creatividade está xa noutra parte do planeta. 

-Vén de participar cos seus programas de radio Barriografías no proxecto Música en Branco, como foi a experiencia de recuperar a banda sonora da Agra do Orzán?

Pensei que coñecía a cidade e descubrín que en cada curruncho agroman quince mil mundos e quince mil historias que derruban tópicos por veces abafantes. O primeiro é que a Coruña é unha cidade de persoas que falan castelán. O noventa por cento das músicas que se escoitaron nestes programas foron en galego. A lingua da Agra do Orzán é o galego, sen dúbida algunha. A Coruña é, ao meu ver, a cidade na que máis galego se fala. A Agra do Orzán é un mundo, como Coia, Labañou ou Teis e temos que comezar a coñecer ás cidades máis alá dos seus centros. Este proxecto converte no centro á música e os sons e dálle protagonismo non aos próceres e grandes figuras, senón á xente traballadora que vive nestes entornos. Ver as vellas mariscadoras das chamadas casas baratas cantando, “Katanga, neno, eu son de Katanga”, é marabilloso, mostra o orgullo de ser do barrio. O modelo pódese desenvolver noutras cidades porque contribúe a que nos coñezamos mellor. 

Comentarios