Xurxo Souto homenaxea a María Antonia, a muller que deu nome a un mar

María Antonia rexentaba unha tenda mítica de referencia para os mariñeiros. Deulle nome a un mar e Xurxo Souto réndelle homenaxe esta quinta feira 11 de decembro ás 20 horas na libraría Couceiro da Coruña. 

Xurxo Souto
photo_camera Xurxo Souto

O  libro Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto recolle a memoria de homes e mulleres do mar, historias descoñecidas que o autor recupera e transmite con entusiasmo. Unha delas leva o nome dun mar, o de María Antonia, a muller que rexentaba unha tenda na Coruña e os mariñeiros homenaxearon incorporando aos seus topónimos mariños. A vindeira quinta feira, día 11 de decembro, ás 20 horas, Xurxo Souto homenaxeará a María Antonia nunha nova presentación de Contos do mar de Irlanda, que terá lugar na libraría Couceiro da Coruña ás 20 horas. 

O acto entra na ruta “Da Gaiteira a Monte-Alto. A viaxe ao Gran Sol, sen saír da Coruña” na que Xurxo Souto dá a coñecer a talosonimia do mar que rodea a cidade, o “Mar de María Antonia”, que será protagonista da sesión na Coruña. Promete “palabra, toque de cornas e acordeón”.  

A tendeira do mar

“María Antonia tiña unha tenda noite e día”, comeza a descrición que Xosé Carrillo lle fai ao escritor sobre a muller que dá nome a un mar e que Souto recolle no seu libro Contos do mar de Irlanda. A tenda situábase en Santa Lucía, concretamente na rúa do Coxo, nas escadas que levan de Sinforiano López a Juan Flórez. Carrillo tiña referencia ao ser cuñado dunha filla da tendeira. 

“Os mariñeiros entraban, saían, ían coa pota, facían de comer... Abriu máis ou menos polo ano 40, botou moito tempo. Cando as bacas falaban pola telefonía, “estamos en María Antonia”, era como dicir estamos chegando á casa”, relata o parlamento de Carrillo recollido no libro de Souto. 

Comentarios