Xurxo Souto con "Contos do mar de Irlanda", éxito do verán nas librarías

Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto é o libro de narrativa máis vendido nos meses de xullo e agosto segundo o “Taboleiro do libro galego” do blogue de Ramón Nicolás que vén de publicar os resultados dos dous meses xuntos. 

xurxo souto
photo_camera xurxo souto

Polos datos aportados por trece librarías de todo o territorio galego, o novo título de Xurxo Souto, Contos do mar de Irlanda, é a obra de narrativa máis vendida durante o verán. O autor, que fará a maior parte das presentacións no mes de setembro, deu a coñecer o seu novo libro en actos que se desenvolveron en especial en entornos “marítimos” como museos do mar e tamén na Feira da Coruña. Malia levar xa meses no mercado, A viaxe de Gagarín, de Agustín Fernández Paz continúa no cumio da listaxe, seguida por A voz do vento de Pemón Bouzas, ambas en Xerais. 

Ningún amante sabe conducir de Rosalía Fernández Rial, en Positivas, foi o libro poético que máis foi requerido nas librarías este verán, a seguir da Transfusión oceánica de Xosé Iglesias, da A.C. Caldeirón e Estrela do Norte de Luís Rei en Faktoría K. 

Afonso Eyré faise co primeiro posto no ensaio nos meses de verán co seu Eu estaba alí de Hércules de Edicións antes de Contra a morte das linguas, o ensaio-investigación de Miguel Moreira que leva tamén varios meses nas librarías. O peche da triloxía de Rosa Aneiros, Ámote, Leo A. Terminal de... chegadas? consigue ser o máis vendido en xuvenil mentres O soño de Esther de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso ocupa o mesmo posto en infantil, público que domina no apartado de libros-cd-dvd presidido polo Brinca vai! De Paco Nogueiras. Luís Dávila con O bichero IV e Tokio con A causa do crime fanse cos primeiros lugares na banda deseñada, segundo os datos recollidos polo crítico Ramón Nicolás no seu Caderno da crítica para os meses de xullo e agosto. 

Comentarios