Xurxo Souto anima a conmemorar vinte anos de Bravú desde Culturgal

“Fomos motores da nosa historia”, dixo Xurxo Souto ao se referir ao movemento Bravú que cumpre no 2014 o vinte aniversario do seu nacemento nunha tasca de Viana, en Chantada. Souto presentou no Culturgal o proxecto Bravú XX, que quere ser unha homenaxe colectiva a aquela explosión de cultura coas raíces chantadas no rural. 

photo_camera

Unha exposición que prepara o propio Xurxo Souto con produción de Caramuxo e a próxima publicación dun libro sobre Os Diplomáticos de Montealto do xornalista Rodri Suárez serán dous dos primeiros chanzos que se sumarán ao proxecto Bravú XX, unha iniciativa que quere celebrar o nacemento do movemento na taberna o Cabaleiro de Viana, en Chantada no 1994. 

No acto de presentación do proxecto Bravú XX que agora bota a andar, Xurxo Souto acompañouse dun grupo de protagonistas daquel momento para anunciar un proxecto no que, de saída, xa mostraron interese en participar o festival Revenidas e o Festival de Cans ademais do Castañazo de Chantada no que naceu o Bravú. 

Con Xurxo Souto chegou ao Culturgal Xan Xove, que percorreu toda Europa coa banda Gharbanzo Negro e que tamén participou na xuntanza inaugural da taberna de Viana. “Descubrimos que ser punki era tocar a gaita nunha taberna. Os nosos pais tentaban ocultarnos que viñamos da aldea e querían que non falaramos galego pero todos os fins se semana iamos á aldea”, dixo Xan Xove ao recoñecer aos “Vergalludos” como os fundadores daquel encontro coa tradición desde a máis absoluta modernidade, que é como dixo entender o Bravú.

Saber de onde vimos

“Somso un pobo de artistas e temos dereito a coñecer de onde vimos e a capacidade de cambiar a realidade”, sinalou Xurxo Souto, á hora de defender tamén o interese de celebrar o Bravú neste aniversario redondo. “O primeiro Castañazo fixémolo no baixo dunha obra”, lembrou para defender que para celebrar non precisa grandes investimentos senón a vontade de conmemorar aquel afortunado encontro. A quen convidou a falar tamén foi a Quintáns, un dos promotores de Revenidas de Vilaxoán, quen confesou que no festival se sentían  “fillos do Bravú” e recoñeceu como unha honra a súa vinculación ao proxecto. 

“Acéptanse ideas, todo o mundo pode participar”, dixo Xurxo Souto nunha sesión na que se sentiu a “Tratorada” de Rastreros e “Eu quero ser ghaiteiro” de Diplomáticos puxeron banda sonora e, con Sofía de Labañou lembraron o entusiasmo dun tempo no que Mercedes Peón se descubriu bravú e Manu Chao atopou con Pinto d´Herbón o que buscara polo mundo enteiro. 

Comentarios