Xurxo Lobato: “Galiza é cor a tope, é alegría”

‘Galicia é unha festa’ é un libro que nos transporta a través das imaxes por un rueiro cíclico de ganas de gozar. O seu autor, o fotógrafo Xurxo Lobato (A Coruña, 1956), continúa con esta autoedición o retrato do país que leva plasmando en varias coleccións desde 1977. Sostén que, nun momento de recollemento e illamento, esta nova achega pode ser un refuxio para recuperar o optimismo e a ledicia apartados da discusión pública e, ademais, unha oportunidade para divulgar as celebracións no marco internacional.
Xurxo Lobarto (Xurxo Lobato)
photo_camera Xurxo Lobarto (Foto: Xurxo Lobato)

Nas acrobacias lumínicas dos Fachós de Castro Caldelas están a xirar no aire as cores vermella e amarela, as do alborexar do sol, que chegan nun exercicio de moda poética ás teas das roupas das rapazas do Domingo de Mozas no San Froilán lugués; as saias longas que xiran uns centímetros por riba do chan cos seus detalles na cor púrpura do ceo, agora preto do lusco fusco, cos panos e os abelorios das formas da terra. No mesmo vermello do sangue e a esmorga  viaxamos, nese mesmo solpor, ás festas viquingas de Catoira e, co mesmo facho de lume, á escuridade da noite que agora nos envolve, alumeada polo mesmo vermello, na festa da Maruxaina de San Cibrao, no Cervo. Embaixo as estrelas, no silencio, os mariñeiros fan soar cornos e bucinas para non sucumbir ao canto de Maruxaina, ninfa pérfida para algúns, alertadora de temporais para outros. Nese estoupido musical, a cor da fotografía.

Por que a festa como eixo central?

As festas na Galiza non son en si un tema illado ou casual. Neste caso forman parte para min dun gran proxecto que me marquei desde hai moitos anos: retratar Galiza. Teño feito libros retratando Galiza no seu conxunto e logo Galiza parcialmente: as Rías Baixas, o “País das Vacas”, “O País de Nunca Máis”… isto forma parte diso. O tema das festas é moi atractivo para un fotógrafo, moi fotoxénico. Logo, a nivel fotográfico, curiosamente, vin que había un baleiro, até agora non existían moitos libros que amosasen de maneira profesional este tema coa imaxe, si de modo teórico, pero non fotográfico. 

Ademais, é unha edición  moi persoal.

O deseño do libro fíxeno xunto coa persoa coa que levo traballando preto de 20 anos, Xosé Díaz, un dos grandes deseñadores de libros na Galiza, un home que bebeu do deseño de Sargadelos, do Castro, un alumno avantaxado de Seoane e fillo de Díaz Pardo. É un luxo poder traballar con el. Houbo moito  cariño coa estrutura, coa edición gráfica, os detalles, a maquetación, a selección de fotos… algo que, como entenderás, é complicado, xa que tes que resumir toda unha festa, ás veces, nunha soa imaxe, cando vés de alí con milleiros.

Como foi o seu sistema de traballo nesta colección?

Os últimos anos cubrín festas de maneira sistemática para este libro. O criterio que seguín para organizarme na abundancia de celebracións foi retratar as festas máis senlleiras, pola orde das que están catalogadas de interese turístico internacional, logo as das festas de interese turístico nacional recoñecidas polo Estado e logo as festas de interese galego, das que tiven que facer un resumo, xa que temos moitísimas. Escollín as que me parecían máis fotoxénicas, as que son para min de máis interese, máis singulares. Hai un traballo forte de documentación detrás.

É unha colección de longo percorrido, tamén na súa saída nestes tempos.

É unha historia curiosa. Este libro chega ás librarías xusto antes desta traxedia do virus. Houbo xente que me dixo: “Coa que está caendo, un libro de festas?”. Eu penso que si, véxolle unha parte positiva;  xa que non podemos ir ás nosas festas por razóns obvias, que mellor que levar as festas á casa, evocar e coñecer o noso a través dos libros. Este libro non envellece, ten un percorrido pensado para ser ollado nos anos vindeiros.

Que lle interesa máis das celebracións coa ollada de fotógrafo?

Intentei resumir a esencia da celebración, condensala e extraerlle o significado. Quixen que as fotos explicasen e describisen a súa esencia, que é conxelar nunha imaxe o que esprememos cos sentidos. É moi complicado, é imaxe fixa, non é en movemento, non é un vídeo. Como facer iso? Coa cor, é moi importante, tiñan que ser en cor. Logo, dependendo das características da festa, atopamos planos xerais, planos máis curtos, depende un pouco do escenario. Estamos a empregar unha linguaxe visual, a contar unha historia con imaxes.

Un libro de imaxes pero tamén cun acompañamento escrito.

Si, da man dun experto en temática festiva e etnográfica da talla de Felipe-Senén cun texto introdutorio e, tamén, con textos que acompañan cada foto feitos pola xornalista Omaira Lista. Cada festa leva unha explicación a pé de foto, todos o textos están en tres idiomas: castelán, galego e inglés. Isto fágoo en todos os meus libros porque considero fundamental exportar a cultura galega. A cultura non só a facemos para nós mesmos, senón para compartir. Hai que dar a coñecer o noso, difundilo.

Galiza é das nacións europeas con máis festas por habitante e territorio. Por que?

Galiza é un pobo festeiro, un pobo que quere desfrutar, hai unha lenda negra desde España, que ve Galiza como un conxunto de xentes vestidas de negro, tristes… por suposto, non é así, temos oco para iso, pero non é a imaxe xeral nin moito menos. Somos un pobo festivo e alegre: o Pórtico do Paraíso, en Ourense, ou o Pórtico da Gloria, en Santiago, estaban e están cheos de cores. Os frescos da catedral de Mondoñedo vémolos cheos de cor. Galiza é cor a tope, é alegría! Somos un pobo de festa e de romaría, unha palabra moi galega.

Das festas que nos amosa cal destacaría como favorita?

Desde o punto de vista fotográfico, o Entroido. É un caramelo para un fotógrafo, hai alegría, movemento, festa e fotoxenia. Todos os galegos temos esa fotografía do Entroido. Resúltame un elemento moi suxestivo, sobre todo pola pluralidade, pola cantidade variada de entroidos que hai. É unha festa que se deixa querer.

Falamos dun libro de divulgación, de mostra?

Quere ser un libro de divulgación pero algo máis aló; un libro que enganche, un libro para alguén que queira agasallar algo da Galiza. Unha maneira de alegrarnos, de subir o ánimo.

Comentarios