Xurxo Borrazás: "A literatura é a que menos se está adaptando aos tempos"

Xurxo Borrazás publica Brevedume (Galaxia), un libro chispeante e tamén reflexivo. A literatura e a vida aparecen tratados con ironía e escepticismo: "Co mundo da cultura gardo as distancias como coa tenda gourmet de El Corte Inglés". Borrazás, que naceu en Carballo en 1963 pero vive en Vigo desde 1990, nega que sexa un transgresor e sostén que ás veces o único que fai é inspirarse no que oe nas tabernas. O libro pódese ler fragmentariamente, como un café que se toma para comezar ben o día. 
Xurxo Borrazás
photo_camera Xurxo Borrazás

Desde o 2010, ano no que sae Covalladas, non volviches publicar ficción. Por que motivo?

Penso que lle pasa a moitas persoas. A partir de certa idade a relación coa ficción vólvese máis difícil. É como unha intolerancia alimentaria. Tampouco leo moita novela. En cambio, outros xéneros si. Tampouco a boto de menos. Teño algunhas cousas escritas pero sen présa de que saian. Cada vez cústame máis facer iso que chaman "suspensión da incredulidade". O ensaio si que me interesa ou os textos híbridos. Creo tamén que para escribir novelas hai que ter forza física, non só concentración. Cos anos perdes enerxía para iso.

Comezaches nos noventa. Daquela estaba de moda a metaliteratura. É dicir, unha novela moi subxectiva, escéptica, irónica, que mostra a súa estrutura como un teatro que deixa ver os decorados. Pero agora parece que volvemos á novela decimonónica?

Parece que si. Volvemos á novela francesa ou rusa, coma se non pasase o século XX polo medio. Non sei se é decisión dos autores ou é o sistema que indica que iso é o que interesa. Desde o postmodernismo non houbo máis ismos. Agora é todo como natural, cando nada é natural. Tes que tomar decisións constantemente, pero escrébese coma se só houbese unha escritura posíbel.

Empezaches da man de Carlos Lema, en Sotelo Blanco. Sénteste parte daquel grupo?

Entre Jaureguizar, Malvar, Queipo, Xavier López ou eu hai moitas diferenzas. Tampouco tiven nunca moita relación con outros escritores.

Levas anos reclamando que se escriba máis desde as marxes. Usaches a metáfora de que a portería está no centro pero hai que atacar polas bandas. Pero a min un editor díxome: "Eu non teño problema en editar libros así, sempre que haxa público". É dicir, é viábel esa literatura?

Creo que non, visto así. Supoño que as miñas vendas son tales que non me estrañaría que un día un editor me reclame danos e prexuízos. Pero iso depende do que queira o editor, se quere compensar libros que se venden moito con outros que fornecen outras cousas. De todos modos, eu non creo que escriba libros raros nin transgresores. Son libros se cadra pouco habituais no sistema literario galego. Pero pódoche citar centos de libros que se editan en todo o mundo e que son realmente transgresores. En todo caso, en Brevedume, moitos son chistes, algúns rozan o refrán e hai cousas que oín nas tabernas.

Fuches cualificado moitas veces de autor experimental. Pero no experimentalismo e na literatura postmoderna non hai tamén ás veces certa pedantería intelectual e, noutros casos, talvez incapacidade para facer unha obra de formato convencional e ao mesmo tempo profunda e interesante?

Un é fillo das súas lecturas e momentos. Hai momentos para todo. Pero iso sería como dicir que a arte abstracta revela incapacidade para pintar paisaxes realistas. Hai pintores abstractos que fan un bodegón para demostrar que tamén saben pintar así. A min a novela realista resúltame allea, non forma parte do meu tempo. As artes e as ciencias van da man. Son fillas da mesma época. Hoxe non tería sentido A educación sentimental.

O orixinal de Brevedume era moito máis longo. Que pasou?

Cando llo presentei ao editor díxome que o reducise á metade. Fíxeno e xa me parecía unha barbaridade. Quizais debido á vaidade do autor, tómalo como unha ofensa. Cando o presentei de novo dixéronme que o volvese reducir á metade. Pareceume imposíbel, pero fíxeno e quedou mellor. É unha lección que se recibe do xornalismo. Unha vez mandáronme recortar un artigo é vin que ao facelo quedaba máis claro. O texto non é sagrado, pódese modificar. Eu lin moito de música e de pintores, comentaba moito da vida dos artistas, todo iso quedou fóra. Tamén había cousas persoais, ao estilo dun diario, pero tamén quedaron fóra. Non o lamento. Cioran fixo textos pequenos, Aira fai novelas de cincuenta páxinas, como aquelas de vaqueiros de Estefanía. É suficiente. Un formato como o de Brevedume fai que, cando revisas, te formules sempre a idea de quitar, nunca a de engadir que é o que pasa coas novelas.

Das túas opinións dedúcese que a literatura se parecería máis á música que, por exemplo, á socioloxía.

É unha intuición, difícil de explicar. Os músicos tocan xuntos, hai unha identificación fóra da linguaxe. Tamén sucede cos xogadores dun equipo de fútbol. A linguaxe non é a única forma de comunicación. Recorres á linguaxe cando non tes ningunha outra forma de entenderte. Esa comunicación entre todas as artes e ciencias é dificilmente verbalizábel pero todo o mundo a entende.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Comentarios