‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’.

Xurxo Ayán: “Os castros vivos son aqueles nos que se fan cousas, onde os rapaces se fan aloumiños, onde se celebran festas”

Xurxo Ayán, arqueólogo implicado na escavacións do castro de San Lourenzo, localizado entre as aldeas de Nogueiras e Alende, na parroquia de Cereixa, concello da Pobra do Brollón, achéganos a este asentamento sobre a marxe dereita do río Saa. Unha nova entrega do coleccionábel ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’.

Xurxo Ayán.
photo_camera Xurxo Ayán.

Indicas no teu traballo unha especialización do castro en relación á metalurxia mais tamén que o castro foi abandonado coa chegada de Roma. Pode querer dicir isto que Roma "reorganiza" a función do castro e elimina a produción de metais ou podería ter outra explicación? Se é así, a que se pode deber?

O castro de San Lourenzo é un magnífico exemplo de como unha investigación arqueolóxica de campo de longo percorrido (cinco anos en arqueoloxía a día de hoxe é moito) permite deconstruír tópicos historiográficos ou reformular ideas preconcebidas.

Chegamos para documentar unha coroa mineira romana ligada ao ouro e atopamos unha ocupación clara da 2ª Idade do Ferro. Non se documenta un só material romano e si un labor sistemático vencellado á metalurxia do ferro. Cando chega Roma iníciase un proceso de depredación do territorio, para explotar a escala industrial a bacía do río Saa. É aí, tras a conquista, cando xorden novos asentamentos que si son pequenas coroas mineiras, como A Coroa do Castro na mesma Cereixa ou A Modorra na veciña parroquia de Fornelas. Polo momento non sabemos se o San Lourenzo se abandonou con anterioridade á chegada de Roma ou foi consecuencia desta, neste proceso de reordeamento do territorio.

O emprego de tecnoloxía hidráulica para o deseño dos foxos dos castros -que sinalas habitual para o noroeste da península- implica que había unha serie de coñecementos contrutivos que eran compartidos por varios poboados? Que se transmitían? ou pode ser posíbel que houbera grupos de persoas especializadas na construción e deseño dos castros nunha área determinada e que viaxaban dun a outro lugar?

A arquitectura dos habitantes dos castros é unha arquitectura orgánica, unha arquitectura sen arquitectos, partillada por toda a comunidade. Homes, mulleres e nenos son os artífices deses monumentos que son os poboados fortificados. Emprégase unha cadea técnico-operativa que se transmite de xeración en xeración, sancionada pola tradición e pola maneira de estar-no-mundo desa xente.

O castro de San Lourenzo é un magnífico exemplo de como unha investigación arqueolóxica de campo de longo percorrido (cinco anos en arqueoloxía a día de hoxe é moito) permite deconstruír tópicos historiográficos ou reformular ideas preconcebidas.

Doutra volta é unha arquitectura sostíbel, perfectamente adaptada ao medio. No noso castro utilízase o material lítico local (coios de cuarcita da bacía sedimentaria), o barro da zona en paredes e lareiras e mesmo os licíns de area verdosa de onde se tira o material para elaborar os pavimentos do interior das cabanas.

Neste contexto, claro que hai un desenvolvemento endóxeno (a cantaría por exemplo na 2ª Idade do Ferro) pero ás veces precisa de innovacións tecnolóxicas alóctonas (o ferro, por exemplo, permite a cantaría especializada). O intercambio de cousas, técnicas e ideas é fundamental para comprender sitios coma este. As poucas cerámicas con decoración elaborada proceden da zona centro da bacía do Miño, mentres que temos fíbulas de clara orixe celtibérica. O río Sil foi a entrada natural a Galiza dende o interior, e hai unha influencia enorme do urbanismo meseteño nestes castros do sur e centro da actual provincia de Lugo.

O patrimonio é publico, de todos e todas. Non podemos poñer portas ao monte.

A experiencia da participación da parroquia de Cereixa na recuperación e valoración do castro, é algo que os e as arqueólogas deberían estender a outros puntos da xeografía galega? Deberían as distintas administracións colaborar máis fortalecendo esa liña máis "local" ou pode ser un risco a escavación sen ter garantida a musealización e correcta conservación dos achados?

O patrimonio é publico, de todos e todas. Non podemos poñer portas ao monte. Os castros vivos son aqueles nos que se fan cousas, onde os rapaces se fan aloumiños, onde se celebran festas, onde se constrúe e actualiza a identidade. Seguen sendo fitos na paisaxe e espazos comunitarios. O noso proxecto xurde dunha asociación de veciños e veciñas, e é a versión mellorada dunha maneira de facer que xa ten uns 20 anos cando recuperamos coa xente da aldea o castro de Castrolandín (Cuntis) ou despois o noso labor no proxecto Arqueoneixon nos castros de Neixón (Boiro), na Lanzada (Sanxenxo), etc... Ese modelo creo que inspirou outras iniciativas nos últimos anos como Costa dos Castros (Oia), o que fai Sputink Labrego en Valdeorras ou Segredos de Pantón en Lemos.

Defendemos as iniciativas locais que velan tamén pola súa independencia e nas que a xente do común  se nega a ser un suxeito pasivo na xeración de coñecemento sobre o pasado. Cremos na humanidade que constrúe o patrimonio, a única garantía para que os castros non sexan un problema, un fósil, un pastiche ou unha escenografía vacua.

Chegamos para documentar unha coroa mineira romana ligada ao ouro e atopamos unha ocupación clara da 2ª Idade do Ferro. Non se documenta un só material romano e si un labor sistemático vencellado á metalurxia do ferro

Ese é o verdadeiro risco, e non que se fagan romarías e a xente coma nunha cabana do Trega ou a pequenaxe de Cereixa corra polos muros da ermida do San Lourenzo o 10 de agosto. O castro é seu, dende que os devanceiros decidiron ser soterrados alí hai mil anos. De non entender isto, os os técnicos seguiremos sendo uns auténticos extraterrestres e os políticos seguirán facendo o ridículo perante a UNESCO e perante a xente que habita este país

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios