IX Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

Xurxo Alonso gaña o premio Manuel Lueiro Rey de poesía

O pasado luns 15 de marzo coñeceuse o gañador do IX Premio Manuel Lueiro Rey de poesía, promovido polo concello de Fornelos de Montes.
Xurxo Alonso, gañador do IX Premio Manuel Lueiro Rey de poesía
photo_camera Xurxo Alonso, gañador do IX Premio Manuel Lueiro Rey de poesía

O gañador desta novena edición do Premio Manuel Lueiro Rey resultou ser o escritor e pintor galego Xurxo Alonso, co seu traballo As vaidosas agonías.

Caracterizado polo verso longo, a habelencia rítmica e o gran abano de voces e citas, o poemario resulta ser, segundo o propio xurado, unha obra de elaborada arquitectura e dunha gran ambición estética. As vaidosas agonías fala da loita do eu ante a ruína dun mundo que se desfai no que se demostra a importancia da palabra

Xurxo Alonso, pintor fundamentalmente de paisaxes abstractas e conceptuais, é tamén recoñecido polo seu labor de escritor, o cal se viu premiado en numerosas ocasións. Algúns dos premios literarios máis salientables cos que conta Alonso son o Premio de poesía Concello de Carral nas edicións do 2004 e no 2019, o Premio Fermín Bouza Brey no 2003, e o recente Premio Manuel Lueiro Rey neste 2021.

O Premio Manuel Lueiro Rey, nace como homenaxe ao ilustre poeta que lle dá nome ao propio premio e ten como obxectivo promover a poesía galega. Na súa novena convocatoria, o xurado destacou o bo nivel dos 37 traballos presentados, así como a gran diversidade temática destes.

O xurado, conformado por Luís Cochón, Emma Pedreira, Xerardo Quintiá, Mercedes Queixas e Armando Requeixo, xunto coa coordinadora do premio Carmen Carreiro, decidiron outorgarlle o premio a Xurxo Alonso pois, aseguran, o seu traballo impúxose sobre os demais.

Comentarios