Entrevista

Iria Vázquez Silva: "O xurídico é un dos eidos máis deficientes a nivel de violencia machista institucional"

Iria Vázquez Silva coordina un libro focado na violencia que exerce o Estado
A coordinadora de 'Cómplices. A violencia machista institucional', Iria Vázquez Silva.
photo_camera A coordinadora de 'Cómplices. A violencia machista institucional', Iria Vázquez Silva.

Iria Vázquez Silva coordina un libro Cómplices. A violencia machista institucional, un traballo que bota luz sobre un dos aspectos da(s) violencia(s) machista(s) menos estudado, a que exerce o Estado. Sheila Fernández, Olalla Villaronga, Lola Ferreiro, Ana Martínez e Fedra Alcaraz asinan con ela. 

En que consiste esa violencia menos visíbel que exerce o Estado sobre a muller?

A "violencia machista institucional" é un tipo de violencia que aparece cando as mulleres van exercer os seus dereitos, buscando axuda, e son xulgadas, non cridas, non atopan nin os recursos nin o persoal especializado para atendelas. Sería unha situación de omisión de atención. Hai moi poucos estudos sobre o tema, de feito nin a lexislación estatal nin a galega introducen o concepto, que só aparece internacionalmente na Lei Xeral para o Acceso das Mulleres á Vida Libre da Violencia, de México. É interesante trasladar unha responsabilidade ao Estado de non ter recursos e persoal para desenvolver unha boa función nese ámbito.

En que eidos se manifesta?

No libro facermos un percorrido, após achegarnos ao concepto, que comeza cos números. Xa a nivel de cifras hai violencia institucional, pois o Observatorio de Violencias non contempla como asasinadas por violencia machista, por exemplo, unha muller que exerce a prostitución ou unha muller que coñece a un home pola noite. En plataformas como feminicio.net si que aparecen, e ascenden até 22 no que vai de ano. Doutra banda, na lexislación só son tratadas como vítimas da violencia as asasinadas por parellas ou ex parellas, o que deixa fóra de protección moitas mulleres. Así, o teléfono Atenpro, de atención de Cruz Vermella e financiado polo Ministerio, só poden empregalo as que entran nesa definición, polo que unha muller violada polo seu veciño queda fóra do espectro deste dispositivo.

Cando unha muller chama ao 112 vai a patrulla máis próxima, non a "especializada" -entre aspas, porque a especialización é dunha  ou dúas semanas, moi superficial

Logo, no eido das forzas e corpos de seguridade vemos que, malia haber melloras, seguimos tendo problemas á hora de recoller as denuncias ou atestados desde unha perspectiva de xénero, falta formación para realizar acompañamentos... Cando unha muller chama ao 112 vai a patrulla máis próxima, non a "especializada" -entre aspas, porque a especialización é dunha  ou dúas semanas, moi superficial. Despois pasamos ao ámbito xurídico, no que a avogada Sheila Fernández e mais eu plasmamos a atención ás vítimas como un dos buratos negros máis grandes hoxe en día, pois só temos dous xulgados de violencia sobre a muller na Galiza, o que resulta moi escaso. Existen problemas coas salas de espera, no eido rural nin sequera as hai diferenciadas para mulleres e agresores, e a quenda de oficio tampouco ten unha formación axeitada -por exemplo, non se trasladan cuestión máis psicolóxicas como a escoita activa ás vítimas.

Malia seren xa as crianzas consideradas vítimas de violencia de xénero sobre o papel, non existen recursos para atendelas

O xurídico sería para min un dos eidos onde, a día de hoxe, máis deficiencias existen. A lei española de 2004 xa poñía sobre a mesa a necesidade de formación nel, pero máis de 15 anos despois iso aínda non se trasladou á realidade. Ademais hai un capítulo moi importante sobre mulleres con diversidade funcional. Por último, quero destacar que malia seren xa as crianzas consideradas vítimas de violencia de xénero sobre o papel, non existen recursos para atendelas.  

Que particularidades se dan ademais no rural?

Aparece todo o que acabo de comentar, pero cunha clara dobre discriminación. Moitas veces o servizo de atención ás mulleres está noutro concello ou non abre todos os días. Se os xulgados de violencia están saturados no ámbito urbano, no rural directamente non existen, tes que ir ao do penal máis próximo. A autora dese capítulo, Olalla Villaronga, traballa como psicóloga na Costa da Morte e detecta unha omisión de funcións das institucións. A única pretensión é moitas veces que cheguen as campañas, que as mulleres sexan informadas. Iso non é unha política de prevención da violencia machista. Tes que asegurar o exercicio dos dereitos. Deberiamos repensar a prevención desde a escola até a universidade. As condicións de precarización laboral tamén limitan que sexa posíbel dar un servizo óptimo. Son pequenos fallos encadeados que rematan nunha violencia institucional flagrante.

Comentarios