A Xunta ultima a desescalada no sector cultural para chegar ao verán

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, explicou que o seu departamento está a traballar cunha representación deste ámbito para pactar os protocolos de seguridade que permitan retomar a actividade. Este é un sector dos que resultou especialmente prexudicado pola pandemia, como incidiron algunhas empresarias ao longo destes meses. O compromiso é ter certo movemento no estío.
Concerto nun escaparate da Coruña para denunciar a situación do sector. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Concerto nun escaparate da Coruña para denunciar a situación do sector. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O sector cultural, ao igual que o da hostalaría, é un dos grandes prexudicados pola crise sanitaria da Covid-19, pero a Xunta garante que xa está a traballar nunha estratexia para que os negocios, empresarias e autónomos poidan volver a ter actividade dentro da normalidade actual.

Así o afirmou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que explicou que están en conversas con representantes deste ámbito e tamén coa Dirección Xeral de Saúde Pública para "elaborar e ultimar os protocolos de seguridade" que permitan a desescalada das medidas restritivas.

O representante da Xunta comprometeu que a mirada está posta no verán por ser a época do ano na que, de forma habitual, se concentrarían máis actividades. En todo caso, no seo da Administración fálase de "dúas escalas".

Por unha parte, agárdase que haxa un marco común en todo o Estado español -no que traballa o Ministerio de Cultura- e, por outra, o departamento do Goberno galego fala cos diferentes subsectores para intentar chegar a puntos de encontro.

O obxectivo é "posibilitar compatibilizar o cumprimento das normas básicas hixiénico sanitarias e, ao mesmo tempo, contar cun deseño adecuado para facilitar o traballo dos profesionais neste contexto e así seguir apostando por unha cultura segura".

Neste sentido, Rodríguez puxo de exemplo o pasado estío que, malia ter unha axenda moi rebaixada respecto á programación de antes da pandemia, deu marxe para actos públicos "nun marco de gran seguridade".

En calquera caso, urxe chegar a solucións porque o sector está a pasalo mal. Así o comentaban a este diario, por exemplo, as responsábeis de pequenas salas de cinema e profesionais vinculados coa organización de eventos.

Curso escolar

Respecto da polémica do cambio no calendario escolar e o posíbel adianto a xuño das probas extraordinarias de setembro a partir do próximo curso, afirmou que teñen "evidencias" de que esta estratexia permitiría "mellorar a organización" dos centros e reducir os suspensos.

Comentarios