venres 28/01/22

A Xunta terá que protexer a artesanía galega con beneficios fiscais por indicación do Parlamento

Unha iniciativa do BNG encamiñada a protexer a artesanía galega acadou a unanimidade do apoio dos grupos parlamentares. O Parlamento instará á Xunta para, entre outras iniciativas, establecer beneficios fiscais para persoas que desenvolven actividades artesanais. 

Carme Adán
Carme Adán

A iniciativa presentada pola deputada Carme Adán propón desenvolver distintas iniciativas encamiñadas á protección da artesanía galega, unha proposta que afecta especialmente aos 469 obradoiros que están a ver perigar o seu futuro. A Cámara aprobou por unanimidade unha proposta que esixe á Xunta que estableza beneficios fiscais para as persoas que desenvolven actividades artesanais ao tempo que demanda ao Goberno galego que traslade ao do Estado a súa equiparación co Réxime Especial Agrario ou o do Mar a efectos de Seguridade Social. 

Os obxectivos da iniciativa nacionalista diríxense a controlar o intrusismo profesional e preservar os obradoiros artesanais de prácticas industriais. A deputada Carme Adán baseou a súa iniciativa na defensa de que a artesanía é “cultura, arte, industria e un oficio  dende antigo que  constitúe un sinal de identidade dos pobos. Ninguén dubida que o encaixe de Camariñas ou a olería de Buño, é  patrimonio do noso pobo, un reflexo da nosa identidade que temos obriga de legar ás xeracións futuras”. 

469 obradoiros

A falta de apoio e as ameazas derivadas da crise económica poñen en perigo, segundo destacou, o futuro de 469 obradoiros de artesanía -maiormente con unha ou dúas persoas-, un colectivo que, segundo dixo, vive con preocupación o intrusismo apoiado na mecanización e con cuño de artesanía fronte ao saber facer baseado en coñecementos tradicionais. Denunciou, neste sentido, que se detecta que en comercios se vende como encaixe de Camariñas produtos elaborados con técnicas láser en China. “O Goberno debe ter maior capacidade para revisar este intrusismo en establecementos e feiras, porque para a artesanía resulta letal”, afirmou. Aplaudiu así que todos os grupos da Cámara aprobaran unha iniciativa que supón “un chanzo na defensa  dun  oficio gravemente ameazado!.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A Xunta terá que protexer a artesanía galega con beneficios fiscais por indicación do...
comentarios