A Xunta publica o contrato de Enrique Iglesias tres meses despois de ser requerido polo Parlamento

Dous días antes de que o vídeo de Enrique Iglesias fora obxecto de debate por quinta vez no Parlamento a Xunta facía público o contrato. Deféndese das acusacións dicindo que o cantante non recibiu nin un dos 302.000 euros que entregou á produtora.

Enrique Iglesias
photo_camera Enrique Iglesias

A segunda feira á mediodía, a Xunta publicaba o contrato do videoclip de Enrique Iglesias, dous días antes de que a pregunta rexistrada pola deputada do BNG, Carme Adán entrase na orde do día do pleno do Parlamento. Pasaran tres meses desde que o contrato fora requerido por unanimidade da comisión sexta, a última das cinco ocasións en que os máis de trescentos mil euros que a Xunta pagou á produtora de Enrique Iglesias pola gravación do videoclip da canción “De noche y de día” na que se incluían segundos de imaxes fixas de Galiza.

Do contrato, Afonso Rueda só afirmou que o cantante non recibira a título particular nin un dos euros dos que a Xunta entregou que, segundo dixo, foron en boa parte a empresas galegas que traballaron na produción. Mais, segundo o contrato, o goberno galego sufragou o vídeo promocional do músico polo que pagou á produtora do fillo de Julio Iglesias.

Sen se referir máis ao contrato, Alfonso Rueda defendeuse dicindo que o videoclip de Enrique Iglesias foi visto 24 veces máis que todos os vídeos promocionais das Comunidades Autónomas ao tempo que atacou o que definiu como falta de transparencia do goberno bipartito no caso da Feira a Habana. A deputada Carme Adán botoulle en cara ao vicepresidente a xenerosidade da Xunta co cantante español cando están a recortar o apoio á música galega e referiuse, en especial, á desaparición do programa Planeta Furancho da Radio Galega, eliminación que topou tamén coa oposición do mundo da creación musical do país.

Comentarios