A Xunta promove dúas delegacións do CGAC en Vigo e Lugo

Román Rodríguez, conselleiro de Turismo, e Corina Porro, delegada territorial da Xunta en Vigo, na rolda de prensa
photo_camera Román Rodríguez, conselleiro de Turismo, e Corina Porro, delegada territorial da Xunta en Vigo, na rolda de prensa

Na gala de entrega dos Premios  da Cultura Galega, a pasada terza feira 14 de xaneiro, Alberto Núñez Feixóo, presidente da Xunta, anunciaba a creación dunha nova sede do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) en Vigo. Após esta revelación, convocouse unha rolda de prensa de urxencia na que o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, explicaron máis polo miúdo o proxecto.

O emprazamento desta delegación será un edificio preto da Praza do Berbés, propiedade do Consorcio Casco Vello de Vigo. Segundo detalla Rodríguez, a sede constará dunha superficie de 400 metros cadrados, dedicados a unha sala expositiva e a un espazo de documentación. A súa aspiración é que acolla obras de artistas locais xunto con exposicións itinerantes, que poderán ser compartidas co espazo de Compostela, co que a delegación partillará xestión e dirección. Desde a Xunta contan con poñer a andar a iniciativa axiña, para que o proxecto de execución se atope xa en marcha no verán.

Este anuncio súmase ao feito na segunda feira 13 de xaneiro polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lourenzo, no Parlamento galego, da instalación doutra sede do CGAC no Pazo de Dona Urraca, no barrio lucense da Tinaría. Lourenzo declarou que desenvolverá un proxecto museográfico propio, mais vencellado á colección do CGAC, acollendo obras de artistas contemporáneos vinculados ás artes visuais.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios