'A derradeira lección do mestre' exporase este ano na Cidade da Cultura

“A Xunta e o PP dan a razón á Iniciativa Popular por Castelao”

O 29 de setembro de 2015, a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro defendeu no Parlamento galego unha Iniciativa Lexislativa Popular “en defensa do dereito ao coñecemento e á contemplación da obra de Castelao polo pobo galego”. O PP votou en contra. Máis dous anos despois, é a Xunta a que asume parcialmente o seu contido: no último trimestre do ano, a Cidade da Cultura acollerá a exposición de A derradeira lección do mestre.

Promotores ILP catalogación obras de Castelao
photo_camera Promotoras da ILP en defensa da obra de Castelao no Parlamento galego.

“A Xunta e o partido que a dirixe, o PP, dan parcialmente a razón, aínda que nunca o vaian admitir, á tramitación e defensa da ILP que tiven a honra de defender”, considera García Negro. Esta incluía a “mención explícita” á necesidade de que o Goberno galego fixese “as xestións precisas” co Centro Galiza de Bos Aires “para a vinda a Galiza de A derradeira lección do mestre”.

derradeira-leccion-mestre 2

Onte, terza feira, Sermos Galiza adiantaba a existencia de “negociacións avanzadas” para a cesión temporal da emblemática obra. No serán, a propia Xunta confirmábaas nun comunicado, este si recollido pola maioría de medios de comunicación. O óleo, de dous metros de altura e 136 cm de ancho, fará parte “dunha exposición sobre Castelao prevista no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura [en Compostela] para o último trimestre deste ano”.

A Xunta explica na súa nota de prensa que en febreiro asinará un convenio co Centro Galiza, que “materializará” o acordo, froito, engade, “dunha negociación que iniciou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, durante a súa viaxe a Bos Aires con motivo da última edición da Feira do Libro”. Fontes coñecedoras das conversas salientan tamén o papel do ex conselleiro de Cultura e diplomático Roberto Varela.

“Neste mes de xaneiro, particularmente vinculado a Castelao, que naceu o día 30 e faleceu o 7, é alentador, se se cuilmina, o retorno á súa patria do impoñente óleo que reproduce a estampa de 1937 de Galicia Mártir”, sinala Pilar García Negro, “e digo retorno con toda a intención”. A profesora lembra que o intelectual e político rianxeiro debuxou o estarrecedor Galicia Mártir xa exiliado en Valencia e o lenzo en Bos Aires, “no exilio definitivo”, oito anos máis tarde.

“Pero Castelao nunca máis presente estivo na súa patria, como amosa a vontade lapidaria do título do seu libro maior, Sempre en Galiza, datado en 1944 en Bos Aires”, afirma. Sempre cunha miga de escepticismo, García Negro opina que, “se finalmente esta boa nova” chega a bo porto, “cómpre completala coa necesidade de que fique en Galiza para sempre”. “É unha necesidade viva, e un exercicio mínimo e básico da tan mentada memoria histórica”, conclúe.

ilp

A profesora, autora do ensaio Arredor de Castelao (2001), explica ademais que A derradeira lección do mestre non se atopa “debidamente musealizada” na capital arxentina e non é “para nada coñecida entre as colectividades galegas arxentinas”. Lembra tamén que foi o historiador Felipe Senén quen deu a “voz de alarma” a ese respecto “hai anos”. E crítica a comparanza da obra de Castelao co Gernika de Picasso:  “Xa no século XIX se falaba de Oseira como do Escorial galego, ¡como se se puidese comparar a exhuberancia do mosteiro galego coa sequidade do madrileño! Xa está ben de que o paradigma de calidade sempre nos teña que vir de fóra”.

A Iniciativa Lexislativa Popular rexeitada polo PP no Parlamento de Galiza fora promovida pola federación de asociacións culturais Galiza Cultura co apoio da CIG ou A Mesa pola Normalización Lingüística.

Nota: Reprodución do óleo 'A derradeira lección do mestre' de Castelao. Abaixo, presentación aos medios de comunicación da ILP sobre o dereito ao coñecemento e contemplación da obra do rianxeiro; no centro, a profesora Pilar García Negro. 

Comentarios