A Xunta organiza o Mercado de Industrias Culturais Atlánticas a só tres días do Culturgal

A Xunta de Galiza, a través de Agadic, monta este ano a primeira edición do Mercado das Industrias Culturais Atlánticas na Cidade da Cultura a tres días da celebración de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais en Pontevedra. A Xunta reduciu en máis do cincuenta por cento o apoio económico ao Culturgal, feira promovida polos diversos sectores das industrias culturais galegas. 

Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)
photo_camera Museo na Cidade da Cultura

Do 23 ao 26 de novembro o Mercado de Industrias Culturais. Tres días despois, do 29 ao 1 de decembro o Culturgal. Na Cidade da Cultura de Santiago o primeiro. No Pazo da Cultura de Pontevedra o segundo. Un preséntase como “mercado”, o outro como “feira”. 
 
A só tres días do inicio da celebración do Culturgal con menos apoio institucional da súa historia, a Xunta pechará a primeira edición do MICAtlántica, ao que convoca aos sectores das artes escénicas, audiovisual, deseño-artesanía, editorial, música e videoxogos, os mesmos que tres días despois organizan o Culturgal en Pontevedra. 
 
A idea do MICA é establecer o contacto das industrias culturais galegas coas arxentinas para abrir “novas oportunidades de vinculación e intercambio comercial a través de roldas de negocios, conferencias, debates e presentacións artísticas en vivo”. Defínese como “primeiro encontro de empresarios arxentinos, españois e portugueses dedicado a desenvolver as industrias culturais de territorios separados polo océano”. O encontro está organizado pola  Secretaría de Cultura de la Nación Argentina e a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Até o día 30 ofrecerase un programa de espectáculos de artistas da Arxentina e Galiza. 
 
A fins de setembro a Xunta presentoulle a representantes de asociacións e outras entidades do mundo da cultura a proposta do MICA mais a día de hoxe, aínda non se fixo público as empresas e entidades que participarán no evento. Pola contra, Culturgal deu xa a coñecer o número de empresas, entidades e asociación que reservaron stand na feira. Un total de sesenta stands dividiranse en 21 para o sector editorial, 11 na área infantil e educativa, dez para entidades do mundo da música, e 8 para empresas de xestión, dinamización e comunicación cultural, alén das institucionais e patrocinios do propio Culturgal.  O Consello Galego de Cooperativas reservou un amplo espazo destinado a mostrar o traballo de oito empresas cooperativas do sector cultural galego.

Comentarios