Indignación en Monterrei pola insistencia da Xunta en privatizar o castelo

O vicepresidente do goberno, Alfonso Rueda, confirmou no Parlamento que as obras continuarán no castelo de Monterrei para adaptalo a uso hoteleiro. Desde a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei mostran a súa “indignación” e continuarán coas mobilizacións. 

Castelo de Monterrei
photo_camera Castelo de Monterrei

Varios membros da Plataforma en Defensa do castelo de Monterrei e do Foro de Monterrei desprazáronse esta cuarta feira a Compostela para asistir ao debate da iniciativa presentada polo BNG sobre o ben patrimonial sobre o que se está a executar un proxecto de conversión en hotel, dentro da cadea Paradores do Estado. Con indignación asistiron á intervención do vicepresidente Alfonso Rueda que xustificou o proxecto pola rendabilidade económica para a comarca e insistiu en que un 83 % da superficie quedaría de uso público. 

Desde a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei, Eladio Fernández Manso denuncia dúas mentiras no discurso do vicepresidente. “É dificilmente críbel que un hotel con doce habitacións poda ser visto como a esperanza económica da comarca”, sostén ao tempo que deixa claro que a medición de Rueda, “refírese a toda a contorna mais o que é a edificación do Castelo quedaría restrinxida a uso público, esa medida conta a muralla e as casas que o rodean”. 

A Plataforma continúa a manter a súa postura, coa denuncia de que o proxecto significa a privatización e carece de criterio sostíbel algún. En breve iniciarán accións xudiciais para denunciar a ilegalidade das obras. “As obras están en marcha sen que teñan cambiado as condicións de cesión por parte do Estado, condicións que non contemplaban o uso hoteleiro. Tanto Patrimonio da Xunta como o Concello de Monterrei deron permisos sen facer ningunha modificación da cesión”, engade Eladio Fernández. Pola súa parte, o Foro de Monterrei presentou un escrito na Dirección Xeral de Patrimonio de Madrid para que actúe diante desta situación. 

Romaría e abrazo ao castelo o día 12 de xullo

Alén das accións xudiciais, a Plataforma continuará co seu calendario de mobilizacións e teñen previsto para o vindeiro 12 de xullo unha romaría reivindicativa que rematará cun abrazo ao castelo. Ademais, nas súas reunións cos grupos parlamentares solicitaron a creación dunha comisión de investigación para estudar o tema.  

A deputada do BNG, Tereixa Paz, autora da pregunta plenaria, insistiu en que o obxectivo das obras era  “privatizar o uso dun ben público para regalarllo ao Sr. Rajoy para que o privatice algún dos seus amigos do Partido popular” e destacou que era a propia cidadanía a que está a traballar pola defensa do patrimonio mentres o goberno teima en destruílo. A resposta de Rueda é que o o hotel que se instalará no Castelo de Monterrei -con 12 habitacións previstas no proxecto- vai ser “un recurso turístico para xerar riqueza”. 

Comentarios