A Xunta gastará máis nun libro sobre a catedral de Santiago ca en adquirir novidades para bibliotecas

[Imaxe: Bibliotecas Municipais da Coruña]
photo_camera Bibliotecas da Coruña. Foto: cedida.

O orzamento da Consellaría da Cultura de 2018 destina 200.000 euros á adquisición de novidades editoriais en galego para nutrir bibliotecas, arquivos e museos. Pois ben: o Consello da Xunta aprobou a pasada quinta feira unha axuda de 210.000 euros só para un libro sobre a catedral de Santiago.
 

Denunciouno o editor Manuel Bragado na súa conta de twitter. “A Xunta dedica máis cartos á edición dun libro sobre a Catedral de Compostela ca a todos os fondos dedicados este ano á adquisición de novidades editoriais en galego”, escribiu. Dez mil euros máis, en concreto, dos que figuran nas partidas da Secretaría Xeral de Cultura, programa de bibliotecas, arquivos, museos e equipamentos culturais para "subvencións para adquisicións de novidades editoriais en galego".

O volume sobre a basílica compostelá, que verá a luz como parte do programa do Xacobeo 21, “permitirá”, segundo a nota da xuntanza do Goberno galego, “unha comprensión integral do templo, enriquecida polos descubrimenros e coñecementos xerados coa actual restauración”. Organizado en dous volumes, será resultado dun convenio por 210.000 euros entre Turismo de Galicia e a propia catedral.

Comentarios