A Xunta gastará 237.958 € na montaxe da próxima exposición temporal do Gaiás

A Xunta gastará 237.958,60 euros na montaxe de “Auga Doce”, a próxima exposición temporal que se instalará no Museo Gaiás da Cidade da Cultura. O concurso para a montaxe saiu publicado no DOG do día 30 de decembro. 

Museo Gaiás
photo_camera Museo Gaiás

Despois de pechar Orinoco, a mostra que Museo Gaiás desmontará nos próximos días, o centro de arte da Cidade da Cultura prepárase para acoller “Auga Doce”, unha exposición promovia pola Axencia de Turismo de Galicia, entidade que publicou o 30 de decembro no DOG o concurso para a súa montaxe. Serán 237.958,60 euros (196.660 € máis 41.298.60 en concepto de IVE (21%)) os que a Xunta investirá en montar unha exposición que ten como título “Auga Doce” e que estará aberta ao público dos meses de marzo a setembro. 

A montaxe recolle os elementos, mobles e instalacións para a montaxe da mostra que contará con catro apartados “A auga na atmosfera”, “A relación entre o home e a auga”, “A auga na superficie” e “A auga escondida”. Nas condicións do contrato faise fincapé na necesidade de adaptarse ás catro caprichosas plantas do edificio deseñado por  Peter Eisenman. Trátase da terceira exposición do museo Gaiás, despois da dedicada á pedra e a “Orinoco” que agora se pecha. Na presentación, a Xunta anunciaba que a exposición abordaría a relación da auga doce coa arte, a ciencia, a tecnoloxía e os sectores productivos. 

O prazo para presentar as propostas é de quince días naturais a partir da publicación e a montaxe desenvolverase nos corenta e tres días posteriores á sinatura do contrato, con fin no 14 de marzo. O concurso publícase asinado por Nava Castro, Directora da Axencia Turismo de Galicia. 

Comentarios